Medio Rural consolida a creación das mesas da madeira e a castaña para fomentar o sector forestal
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica as ordes de creación da mesa da castaña e da madeira, así como a súa regulación, funcionamento e composición co fin de fomentar o sector forestal e contribuír ao aproveitamento sostible dos montes.
O sector da madeira é un ámbito fundamental para o tecido económico e social do rural na nosa comunidade. Hai unhas 3.000 empresas relacionadas co sector cunha facturación duns 1.750 millóns de euros, dos cales máis do 40 % se refiren ás exportacións, sendo a comunidade autónoma líder en exportacións de produtos madeireiros, cunha cota de mercado que representa o 26% das exportacións a nivel nacional. Ademais, dá emprego a unhas 70.000 persoas, entre postos de traballo directos e indirectos, o que ofrece unha boa medida da magnitude e importancia que presenta a madeira como un dos principais activos galegos.
Así, este foro pretende ofrecer mecanismos de diálogo entre a Administración pública e os principais axentes para consolidar esta posición de Galicia dinamizando e potenciando as posibilidades dunha das materias primas máis abundantes no noso territorio, axustando ademais esta fonte de riqueza aos criterios da xestión forestal sustentable.
A mesa da madeira estará composta pola presidencia e 22 vogais: cinco en representación da administración autonómica, sete persoas en representación das organizacións de propietarios forestais, dúas das empresas de servizos e produtos forestais, outras sete das organizacións de empresas e industrias da primeira transformación e unha última por parte do Colexio de Enxeñeiros Forestais de Galicia.
A través destes dous órganos consultivos, continúase desenvolvendo a lei 7/2012 do 20 de xuño de Montes de Galicia, que faculta á administración forestal a promover e poñer en marcha mesas sectoriais para o fomento, promoción e mellora dos produtos do monte. En ambos casos, a orde entrega en vigor en 20 días a contar dende hoxe. O seguinte paso será nomear aos representantes de cada sector para así proceder á constitución das mesas e iniciar o seu funcionamento.