Medio Rural entregou os premios aos mellores queixos e meles galegos con galardóns para a provincia

TerraChaXa | AMariñaXa
En total, contouse coa participación de 31 queixerías, que achegaron 66 mostras, e 28 industrias do mel
premios-queixos-e-meles-premiados
3 Dec 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; participou hoxe na entrega dos premios da XXVIII Cata dos Queixos e a XXIV Cata dos Meles de Galicia, onde louvou o papel dos produtores á hora de obter elaboracións de excelente calidade.

Durante a súa intervención no acto celebrado na Quinta da Auga en Santiago de Compostela, a conselleira destacou que estes premios son un recoñecemento colectivo ao bo facer, á calidade e ao respecto polas tradicións. Neste sentido, engadiu que axudan a dar visibilidade ao traballo ben feito, xa que cada bote de mel e cada queixo ten detrás “un enorme compromiso coa terra” e son un reflexo da Galicia Calidade.

Gómez felicitou a todos os participantes, tanto aos gañadores como en xeral a todos os produtores, e tamén quixo poñer en valor o traballo dos catadores, que tiveron que escoller aos mellores entre unhas propostas de “altísima” calidade. Por iso, agradeceu a súa entrega e profesionalidade á hora de asumir esta responsabilidade.

Asemade, lembrou que Galicia é a terceira comunidade de España con maior número de selos de calidade diferenciada, concretamente 36, aos que se lle suman Agricultura Ecolóxica e Artesanía Alimentaria. “Isto é mérito de todos e cada un dos produtores galegos”, destacou.

Na entrega dos premios destas catas, a conselleira reafirmou o apoio do Goberno galego a este tipo de produción con axudas e tamén coa súa promoción nos mercados. Neste senso, a Consellería do Medio Rural destinará o próximo ano 10 millóns de euros ao Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia, 2 máis que este 2025, co que se seguirán impulsando este tipo de producións.

A edición deste ano contou coa participación de 31 queixerías, que achegaron 66 mostras, e 28 industrias do mel, con 58. Estiveron representados produtos amparados polos distintivos das denominacións de orixe protexidas San Simón da Costa, Arzúa-Ulloa, Queixo Tetilla e Cebreiro; da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia; de Agricultura Ecolóxica e de Artesanía Alimentaria.

premios-queixos-e-meles
⚙ Configurar cookies
0.078409194946289