Medio Rural inicia as obras dunha rede de 30 novos camiños na parcelaria de Triabá

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez; e polo alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado; visitou hoxe o inicio das obras da creación dunha rede de 30 novos camiños na zona de parcelaria de Triabá. Esta actuación conta cun orzamento de máis de 4,2 millóns de euros ata 2028, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento, e inclúe varias canles de drenaxe e outras obras de paso.
A obra, segundo explicou a conselleira, permitirá crear 30 camiños de nova apertura cunha lonxitude, no seu conxunto, de máis de 27.600 metros; 13 canles e outras actuacións de drenaxe transversal; a limpeza e a reapertura dunha canle que se atopa completamente desnaturalizada; así como a construción de balsas de decantación. Todas estas actuacións enmárcanse no Plan de Reestruturación Parcelaria, que este 2025 está dotado con 14 millóns de euros.
Gómez salientou que, grazas a este investimento de relevancia, mellorarase unha parcelaria que abrangue unha superficie de 1.163 hectáreas, dentro das que se atopan 3.144 parcelas de algo máis de 550 propietarios.
A conselleira do Medio Rural puxo en valor este tipo de ferramentas de mobilización de terra agraria que contribúen a paliar o minifundismo, a incrementar o valor das terras e aumentar a base territorial das explotacións, así como a reducir o abandono dos terreos.
Neste sentido, destacou que o Goberno galego segue a impulsar este tipo de ferramentas e tamén aquelas outras incluídas na Lei de recuperación da terra agraria. Concretamente, desde o 2020 rematáronse un total de 35 concentracións parcelarias -11 en Lugo- que abranguen unha superficie de máis de 24.000 hectáreas, beneficiando a máis de 18.000 propietarios que recibiron preto de 40.000 títulos de propiedade. Ademais, lembrou que este mesmo ano se entregaron os títulos de Xunqueira de Ambía e Oroso. Tamén, desde o 2021, decretáronse 29 novas parcelarias cunha superficie mobilizada de máis de 24.700 hectáreas.