Medio Rural inviste 3 millóns de euros en traballos forestais en 200 montes da provincia

TerraChaXa
A Consellería do Medio Rural ven de poñer en marcha 26 proxectos de traballos forestais na provincia de Lugo, que supoñen limpar, acondicionar ou reforestar máis de 200 montes na provincia.
27 Nov 2017

A Consellería do Medio Rural ven de poñer en marcha 26 proxectos de traballos forestais na provincia de Lugo, que supoñen limpar, acondicionar ou reforestar máis de 200 montes na provincia. Todos eles son propiedade de particulares, pero teñen asinado un convenio de xestión coa Consellería do Medio Rural. A meirande parte dos montes pertencen a comunidades veciñais ou de montes en man común.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou este luns en rolda de prensa os pormenores destes proxectos, nos que a Xunta inviste 3 millóns de euros (en concreto, 2.972.427,30 euros), e que suman arredor de 1.700 hectáreas distribuídas en 37 concellos da provincia. Todas as obras están en marcha -deron comezo no mes de outubro- e os traballos estenderanse ao longo do ano 2018.

Balseiro afirmou que “coa aplicación das técnicas silvícolas axeitadas, a Xunta procura a valorización do monte galego para que sexa un activo de importancia para os seus propietarios, produtor de rendas e servizos, ao tempo que mellora e consolida a estrutura forestal da provincia”.

Nos máis de 200 montes sobre os que se vai actuar realizaranse traballos silvícolas como rozas, rareos, podas ou tratamentos fitosanitarios. Igualmente, executaranse proxectos de ordenación e de recuperación forestal, especialmente nos montes danados, que se viron afectados por lumes, pragas e outras circunstancias.

O delegado puxo de manifesto o “esforzo orzamentario así como de recursos humanos e de tempo” que conlevan estas actuacións, que se programan todos os anos -sinalou- “porque cremos no potencial forestal desta provincia e porque sabemos que ter os montes en boas condicións é un valor á hora de evitar ou reducir os danos que provocan os incendios”.

Na mesma liña, indicou que os obxectivos fundamentais das actuacións de silvicultura son reducir o risco de incendios ao eliminar combustible vexetal e maleza, mellorar a produción de madeiras de calidade e consolidar aproveitamentos forestais complementarios e, por último, crear emprego e riqueza no medio rural a través desta actividade.

Ao respecto, destacou que dos preto de 3 millóns de euros, a contía máis numerosa (1.830.285 euros) distribúese nun macroproxecto que afectará aos montes das serras orientais: a zona sur e comarcas dos Ancares e A Fonsagrada.

“Estes investimentos son unha proba máis de que a Xunta traballa intensamente para manter nas mellores condicións posibles os montes da provincia”, asegurou Balseiro, ao tempo que pediu “tolerancia cero con quen planta lume no monte intencionadamente, para erradicar esta lacra que tanto nos prexudica económica e socialmente”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.086178064346313