Medio Rural solicitará a modificación da carga gandeira das axudas para razas autóctonas en perigo de extinción de cara ao Programa de Desenvolvemento Rural 2021-2027

TerraChaXa
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, vén de anunciar que a Xunta solicitará á Unión Europea unha modificación cara o vindeiro PDR 2021-2027, para facer posible que os gandeiros en extensivo de razas autóctonas saian beneficiados no reparto de axudas.
mr_bruxelas
19 sep 2017

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, vén de anunciar que a Xunta solicitará á Unión Europea unha modificación cara o vindeiro PDR 2021-2027, para facer posible que os gandeiros en extensivo de razas autóctonas saian beneficiados no reparto de axudas.

A día hoxe estas subvencións están condicionadas ao cumprimento dunha carga gandeira determinada. O que se pretende dende a Consellería do Medio Rural é revisar este requisito, xa que na práctica o gando autóctono pasta tamén en terreos arbustivos, que non se contabilizan á hora de calcular estas achegas por non ter carácter forraxeiro. Especies como o toxo ou a carqueixa serven de alimento para razas autóctonas, caso do cabalo e cabra galegos ou a vaca cachena, e que realizan ademais un importante labor de mantemento dos montes ao controlar o crecemento da biomasa e, polo tanto, contribúen á prevención de incendios. Con esta finalidade trátase de que os censos deste gando poidan incrementarse, contribuíndo así á súa conservación, á preservación da biodiversidade e a incentivar a economía nestas áreas rurais.

Estas consideracións foron trasladadas hoxe pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que se reuniu esta mañá en Bruxelas coa directora xeral adxunta da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, María Ángeles Benítez Salas. A titular da consellería, que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, comprometeuse a dar traslado formal desta petición ás instancias comunitarias.

Calidade agroalimentaria
Nesta xuntanza déuselle tamén un impulso á tramitación do recoñecemento de varias indicacións xeográficas protexidas de produtos galegos de calidade con trámites abertos nas institucións comunitarias. É o caso de IXP Capón de Vilalba, cunha solicitude de inscrición no rexistro comunitario publicada en xuño pasado no Diario Oficial da Unión Europea, para iniciar así a fase no ámbito comunitario. Agárdase que sexa antes do Nadal deste ano.

Nesta liña tamén foi remitido a Bruxelas en abril deste ano o expediente para o rexistro da IXP Vaca e Boi de Galicia, sen que a comisión pedira información complementaria, un feito positivo cara o seu recoñecemento futuro. En todo caso, esta indicación xa conta coa protección estatal –mentres non se produce a inscrición europea–, coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial del Estado (BOE) da correspondente orde da Consellería do Medio Rural. Isto permite comercializar produto baixo este selo no ámbito nacional. Por último, Galicia está tramitando tamén un expediente para a inscrición da IXP Pan Galego, sobre a que se adoptou decisión favorable mediante unha orde do DOG do pasado día 21 de xullo. En breve este expediente será trasladado a Bruxelas.

Nesta reunión os responsables comunitarios comprometéronse a axilizar ao máximo estes trámites. Pola súa banda, a delegación galega lembroulles a existencia na nosa comunidade dun total de 31 denominacións xeográficas de calidade, xa inscritas nos diferentes rexistros da UE. Galicia é así unha das autonomías españolas con maior número de produtos amparados no ámbito comunitario.

Innovación no agro

O encontro de traballo serviu tamén para avanzar no desenvolvemento do polo de innovación dixital para o sector agroalimentario galego. Trátase dunha iniciativa do Campus Terra e de Gradiant (centro tecnolóxico das TIC de Galicia) que conta coa colaboración da Xunta. O seu principal obxectivo é modernizar o agro galego, a través da aplicación das novas tecnoloxías para incrementar a sustentabilidade e competitividade do sector agroalimentario a través da súa transformación dixital.

Así, a través desta ferramenta incidirase en eidos como a agrogandaría de precisión, a xestión intelixente das explotacións, industria agroalimentaria 4.0, optimización de procesos, persoalización da oferta, maior contacto co consumidor, optimización da cadea de loxística e transparencia, información e calidade. Do que se trata agora é de continuar desenvolvendo esta iniciativa, para o que se solicita a colaboración da Comisión Europea, tendo en conta a concordancia total do polo coas políticas comunitarias de respaldo á innovación en sectores non dixitais. Así mesmo, pídese ás instancias europeas información detallada sobre os instrumentos de apoio ao desenvolvemento de polos de innovación rexionais.

Agricultura ecolóxica e PAC
Por parte dos responsables da Comisión Europea amosouse especial interese polo espectacular incremento da agricultura ecolóxica nos últimos anos en Galicia. Así, valoráronse os datos de produción e comercialización, que indican que hai 27.000 hectáreas destinadas a este tipo de cultivos na nosa comunidade. Só no último ano a superficie total certificada aumentou case un 36,5% e o volume de negocio creceu por riba do 25%, chegando ata os 41,7 millóns de euros. A nivel xeral, nos últimos anos pasouse de 11 a case mil operadores e os ingresos multiplicáronse por 140 desde 1999.

A conselleira comprometeuse a trasladar antes de fin de ano o Plan estratéxico para este sector que se está a elaborar da man do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e co que se dará un novo pulo a estes cultivos, consonte ás políticas comunitarias que incentivan este tipo de producións sustentables e especialmente respectuosas co medio ambiente.

Por outra banda, a delegación galega comunicou á Comisión Europea a vontade da Consellería do Medio Rural de desenvolver co sector un documento de consenso cos 20 obxectivos de Galicia cara á PAC 2020, para elevalo despois aos organismos europeos correspondentes.

Lembrouse que para Galicia ten unha gran importancia o mantemento no futuro dos dous piares da PAC (pagos directos a explotacións e política de desenvolvemento rural). Trátase de manter unhas rendas dignas para os nosos agricultores e gandeiros, sen descoidar o enfoque máis amplo das políticas orientadas a impulsar o agro desde o punto de vista social, económico e ambiental. Ao tempo, outras demandas de Galicia en relación coa PAC teñen que ver coa súa necesaria simplificación ou co mantemento dos apoios á incorporación de mozos, para consolidar a remuda xeracional no agro, os pagos directos e o desenvolvemento rural.

0.20236992835999