Medio Rural suspende feiras e mercados de gando en Galicia para previr a dermatose nodular contaxiosa

A Consellería do Medio Rural decidiu reforzar o dispositivo de prevención fronte á dermatose nodular contaxiosa (DNC) e suspender a partir do luns 27 de outubro todas as feiras, certames, poxas, mercados e concentracións de gando en Galicia. O obxectivo é evitar a posible entrada e propagación desta enfermidade vírica que afecta ao gando bovino. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG) e terá unha vixencia inicial de 21 días, aínda que poderá ser prorrogada segundo evolucione a situación epidemiolóxica.
Entre as medidas incluídas tamén figura a prohibición de entrada en Galicia de animais procedentes de explotacións situadas en zonas restrinxidas pola DNC. Con todo, permitirase o acceso de bovinos destinados directamente ao sacrificio, sempre que sexan trasladados de forma inmediata aos matadoiros.
A Consellería mantén ademais o período de vixilancia veterinaria oficial de 21 días para todos os bovinos procedentes doutras comunidades ou do estranxeiro con destino a vida. Durante ese tempo, tanto os animais incorporados como o resto da cabana das explotacións receptoras permanecerán inmobilizados de maneira cautelar. A desinsectación dos animais e dos vehículos de transporte será obrigatoria en todos os casos, e os Servizos Veterinarios Oficiais realizarán labores de control, inspección e comprobación do cumprimento das normas de limpeza e desinsectación.
A pesar do reforzo destas medidas, Medio Rural trasladou unha mensaxe de tranquilidade ao sector gandeiro, lembrando que non se rexistrou ningún caso desta enfermidade en Galicia e que a DNC non se transmite ás persoas, nin por contacto directo cos animais infectados nin polo consumo dos seus produtos. O luns celebrarase unha reunión con representantes do sector para analizar a situación e resolver posibles dúbidas.
A dermatose nodular contaxiosa é unha enfermidade vírica de alta capacidade de difusión que pode causar importantes perdas nas explotacións e no conxunto do sector bovino. A súa expansión recente en países da Unión Europea próximos e, especialmente, os focos detectados desde comezos de outubro en Cataluña, elevan o risco de aparición en Galicia. Por iso, a Consellería considera necesario aplicar medidas cautelares para protexer a cabana bovina galega, tras varios meses de campañas informativas e recomendacións de bioseguridade dirixidas ao sector.