Meira acolle este sábado a primeira reunión de Sofor de Galicia
Este sábado, 24 de setembro, as 10.00 horas, no salón de plenos do Concello de Meira, vai ter lugar a primeira xuntanza das Sofor (Sociedade de Fomento Forestal) de Galicia, co fin de avaliar a problemática existente para poder desenvolver as funcións para as que foron creadas estas entidades.
Estes colectivos teñen buscan a rendibilidade e seguridade fronte aos lumes forestais, ao integrar e profesionalizar a xestión dos minifundios. O principal obxectivo é facer posible unha xestión máis eficiente e rendible do monte, a partires das pequenas parcelas de propiedade forestal particular existentes, co fin de mellorar a súa viabilidade económica e sustentabilidade social e ambiental.
Trátase dun modelo voluntario; de responsabilidade limitada ás achegas para os socios; baseado no mantemento da propiedade por parte dos titulares dos terreos, que achegan o uso dos mesmos á sociedade; cun obxecto social especificamente orientado á xestión, aproveitamento e comercialización dos recursos de xeito conxunto.
A través da viabilidade na xestión forestal o que se persigue en definitiva é a consolidación da propiedade particular, a loita contra o abandono do monte e a mellora na prevención dos incendios forestais.
Espérase que asistan directivos das máis de 20 Sofor existentes en Galicia, que representan a máis de 1000 socios/as propietarios/as de 13.000 parcelas, e que xestionan en torno as 5000 hectáreas de monte.
Esta reunión está organizada polo coletivo local Sofor Monte de Caneda.