Meira acolle o inicio da itinerancia da exposición “O río que nos move” co apoio da Deputación de Lugo

Meira converteuse no punto de partida da itinerancia da exposición O Río que nos move. En canoa polos 317 km do Pai Miño, unha mostra que conta coa colaboración da Deputación de Lugo e que foi inaugurada no Espazo Cultural da localidade. A proposta reúne material gráfico e documental arredor do primeiro descenso completo do río Miño, realizado en 1985 por cinco mozos que, sen apoio externo, construíron as súas propias canoas para completar a travesía dende o Pedregal de Irimia ata A Guarda.
A exposición inclúe máis de 100 fotografías acompañadas de fragmentos do diario da expedición, ofrecendo un retrato detallado daquela aventura pioneira protagonizada por Carlos Carrera, Rafa Cid, Juanjo Otero, Xurxo Estévez e Santos González. A iniciativa conmemora o 40 aniversario desta experiencia e forma parte dun proxecto máis amplo que se completará coa publicación dun documental e dun libro elaborado polo xornalista Rafa Cid.
Ademais de recuperar esta travesía histórica, o proxecto busca fomentar a conciencia medioambiental e poñer en valor a relevancia cultural e ecolóxica do río Miño como elemento vertebrador da paisaxe galega.
Durante o acto inaugural, o deputado Carlos López destacou a colaboración da institución provincial coa Asociación Cultural 40 anos do descenso do Miño, subliñando o interese da proposta para divulgar o patrimonio natural e cultural e reforzar o compromiso coa protección deste espazo.
O deputado incidiu tamén en que o inicio da mostra en Meira, lugar onde nace o Miño, permite non só revivir aquela aventura senón tamén reflexionar sobre o valor histórico, cultural e ambiental do río, así como sobre a necesidade da súa conservación. Neste contexto, puxo en valor o labor da Deputación de Lugo na xestión e promoción da Reserva da Biosfera Terras do Miño.
Na inauguración participaron os protagonistas da expedición, xunto co xeógrafo Francisco Rodríguez Lestegás e representantes do Concello de Meira e da Confraría Nosa Señora do Pedregal.
A exposición poderá visitarse en Meira ata o 28 de abril e continuará a súa itinerancia por Lugo, con parada no Vello Cárcere a partir do 6 de maio, ademais de Portomarín en xuño e outras localidades como O Rosal, Tui, Ourense, Castrelo de Miño e A Guarda.