Meira acolle o sábado a Festa da Afirmación e a Dignidade
A VI edición da Festa da Afirmación e Dignidade terá lugar o sábado 22 de setembro no Pedregal de Irimia, organizada novamente pola Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos. Nesta ocasión a organización renderá homenaxe a Xabier P. Docampo e Xosé da Flor, ambos os dous facelidos recentemente.
Nesta edición colaboran na Festa da Afirmación e Dignidade o Concello de Meira e a asociación M de Meira.
Os actos de homenaxe darán comezo ás 12:00 horas coa lectura do pregón a cargo do músico e escritor Mero. Tras el haberá varias lecturas de comunicados por parte da Irmandade de Manuel María, a asociación ecoloxista Adega, dos presos independentistas galegos e da asociación Avelino Díaz, entre outros colectivos.
Seguidamente entregaranse as Mans de Irimia ao escritor Xabier P. Docampo e a Xosé da Flor. No primeiro caso en representación da Irmandade Manuel María e no segundo por parte da Asociación Cultural M de Meira.
O programa continuará ás 14.00 horas cun xantar nos Cabanóns de Meira e ás 16.30 horas haberá música na praza do Convento a cargo das Pandereteiras Nove Ferreñas de Meira e outras agrupacións de música tradicional.
Os interesados en apuntarse ao xantar deberán facelo a través dos teléfonos 646 413 890 ou 630 217 035. Haberá para xantar pinchos, empanada, chocos, lacón, churrasco e viño do país a un prezo de 22 euros por persoa.
A asociación M de Meira continuará coa súa campaña para que se lle poña o nome de Xosé da Flor á biblioteca municipal de Meira e para que o Concello o faga fillo predilecto.