Meira acolle unha charla informativa sobre o autoconsumo e as comunidades enerxéticas

O Concello de Meira organiza unha xornada informativa sobre o autoconsumo en comunidades enerxéticas, que terá lugar este martes, 22 de abril, ás 21:00 horas na Casa da Cultura de Meira. Esta sesión está dirixida a toda a veciñanza interesada en coñecer alternativas sostibles para reducir o custo da enerxía en fogares, negocios e empresas.
Durante o encontro, explicarase en que consisten as comunidades enerxéticas, unha fórmula de colaboración veciñal ou empresarial para producir, xestionar e consumir enerxía renovable de forma compartida. Estas comunidades permiten, por exemplo, instalar paneis solares nun edificio ou nun terreo comunal e repartir a enerxía xerada entre varios usuarios, promovendo así un modelo máis sostible, participativo e económico.
As vantaxes principais destas iniciativas son o aforro na factura da luz, a redución das emisións contaminantes e o fortalecemento da soberanía enerxética a nivel local. Ademais, permiten acceder a subvencións públicas destinadas a promover este tipo de proxectos.