Meira acolle unha mostra sobre a Casa Museo de Rosalía de Castro
A localidade de Meira acolle estes días unha exposición fotográfica itinerante da Casa Museo de Rosalía de Castro. Está situada na praza do Concello, onde permanecerá ata o 17 de outubro, martes.
Trátase dunha mostra que pretende resaltar o fito que supuxo comprar, restaurar e musealizar esta Casa-Museo en pleno franquismo, pero tamén ofrecer un repaso pola súa historia desde que abriu ao público aquel 15 de xullo de 1971.
A exposición está organizada en seis capítulos diferenciados: A Casa e o tren; Rosalía en casa, que recolle os últimos anos de vida da poeta nesta vivenda; Unha Casa santuario, que analiza as iniciativas que xurdiron para comprar a casa entre 1900 e 1940; A causa da Casa, que profunda na historia da compra do inmoble en 1946 por Xosé Mosquera e Xosé Villar Granjel; O Padroado da Casa e A Casa de Galicia, que se centran nos movementos galeguistas e progresistas xurdidos e nas achegas de galegos e galegas de todo o país e da emigración para converter a última residencia de Rosalía de Castro nun símbolo da cultura propia.