Meira acollerá a Baixada de Carrilanas, edición Rally, puntuable para a Copa Galicia 2025

A Baixada de Carrilanas Vila de Meira, na súa edición Rally, celebrarase os días 14 e 15 de xuño, sendo unha das probas puntuables para a Copa Galicia da especialidade. O evento contará cun formato de carreira tipo rally, no que se sumarán os tempos das diferentes mangas oficiais para determinar a clasificación final. Estableceranse premios para os tres mellores participantes de cada categoría, así como para o Scratch Xeral.
As inscricións, que xa están abertas, pecharanse o martes 11 de xuño ás 23:59 horas. A organización, a cargo da Asociación Os Meiregos, puxo a disposición dos participantes unha área de acampada no pavillón, con servizo de baños e duchas, así como aparcadoiro para autocaravanas, dispoñibles desde o venres ata o domingo.
O sábado 14 de xuño a actividade comezará ás 11:00 horas coas verificacións técnicas e administrativas, que se prolongarán ata as 12:30. Ás 13:30 haberá un pincheo para os participantes, seguido do briefing de pilotos ás 15:00. O remonte cara á saída iniciarase ás 15:30, e ás 16:00 darán comezo os adestramentos oficiais. As primeiras mangas oficiais, os tramos TC1 Meira e TC2 Seixosmil, celebraranse a partir das 18:00 horas.
O domingo 15, os participantes serán remontados de novo á saída ás 10:00 horas e as mangas oficiais comezarán ás 10:30, disputándose os tramos TC3 Meira, TC4 Seixosmil e TC5 Meira. A entrega de premios terá lugar no Paseo Central ao rematar as probas.
A organización informa tamén que na proba de Meira realizarase a entrega dos premios pendentes da tempada 2024 da Copa Galicia para aquelas persoas que non puideron recollelos na cita de Sante. Nesta ocasión farase entrega do diploma e dun detalle, e non haberá máis convocatorias posteriores, polo que será obrigatorio estar presente no momento da entrega.
Os menores de idade que desexen participar deberán enviar previamente a autorización correspondente á dirección de correo asociacionosmeiregos@gmail.com. A zona de verificacións técnicas e administrativas estará situada nas coordenadas 43°12’48.1″N 7°17’36.1″W.
Para máis información, os teléfonos de contacto da organización son: Manu (697 347 854), Pablo (679 422 747) e Miguel (696 996 080).