Meira acollerá este martes a terceira edición da exposición 'Os Adeuses Eternos. Palabra e Memoria'

TerraChaXa
Tras a presentación na igrexa, realizarase unha visita guiada ao cemiterio de San Roque
exposicion-os-adeuses-eternos-meira
14 Jul 2025

Este martes, 15 de xullo, ás 17:00 horas, a igrexa monasterial de Meira acollerá a terceira edición da exposición Os Adeuses Eternos. Palabra e Memoria, unha mostra de epitafios en galego enmarcada no proxecto do Modelo Burela, que inclúe as actualizacións dos últimos anos e amosa a evolución de datos que falan por si sós sobre o uso do galego nos camposantos.

Tras a presentación na igrexa, realizarase unha visita guiada ao cemiterio de San Roque, situado a 650 metros, onde as persoas asistentes poderán coñecer a evolución histórica, social e arquitectónica de Meira a través das súas construcións funerarias e epitafios, ligados a moitas historias locais e a algúns dos enterramentos máis destacados do municipio.

A actividade constitúe unha oportunidade para reflexionar sobre a importancia da memoria e da lingua galega na nosa tradición funeraria, ao tempo que se contribúe a poñer en valor o patrimonio cultural e inmaterial de Meira.

A mostra está promovida polo Concello de Meira coa colaboración da Funeraria Lourido e conta coa participación do XXVI Encontros para a Normalización Lingüística do Consello da Cultura Galega.

⚙ Configurar cookies
0.16346216201782