Meira acolleu unha reunión de membros dos colectivos de amas de casa de Terra Chá e A Mariña

A Asociación de Amas de Casa de Meira foi a anfitrioa do día provincial que celebra a dita entidade todos os anos e que nesta ocasión congregou a 150 socias procedentes de Barreiros, Bretoña, Burela, Foz, Guitiriz, Lugo, Mondoñedo, San Cibrao e Xove.
A xornada, que tivo lugar o sábado, comezou cunha recepción nos Cabanóns da praza do Convento, onde todas as asistentes degustaron un ágape e visitaron unha exposición cos traballos realizados nos cursos de labores e manualidades organizados pola asociación meirense.
A continuación, acudiron á Igrexa parroquial de Santa María de Meira, onde Yoani Jartín, técnica de turismo municipal, lles fixo unha visita guiada para, posteriormente, celebrarse unha misa en recordo das socias falecidas.
Ás dúas da tarde, dirixíronse á casa rural Lar de Donas onde foi o xantar que rematou con baile e unha entrega de agasallos a todas as persoas asistentes.
A presidenta da asociación meirense, Pilar Jartín, agradeceu no seu discurso a presenza de tantas persoas e tivo un recordo especial para Angelines Fernández, quen puxera en marcha e presidira, durante moitos anos, a asociación.