Meira amplía as actividades na súa programación de verán en agosto

TerraChaXa
Feira, andainas, espectáculos e a XXXIII Festa da Malla completan un calendario cargado de cultura e tradición
Festas-do-Quince-Meira
16 Aug 2025

O Concello de Meira anunciou a incorporación de novas actividades que se prolongarán durante o que queda de agosto.

Este domingo 17 celebrarase a feira, que cambiará de localización ao aparcadoiro municipal da Campa do Plantío, mantendo o horario habitual, mentres que as pulpeiras permanecerán no Cabanón do Convento. Ese mesmo día terá lugar a Xira Campestre no Porto da Pena, pechando as festas parroquiais. Ademais, pola tarde, haberá un Aberto de Billarda na Campa do Plantío, cuxos detalles e contacto se recollen no cartel da programación.

O martes 19 será a quenda dunha andaina guiada ás 17:00h para visitar o Museo de Lito en Paraxes, actividade gratuíta. O xoves 21 celebrarase o Día Máxico coa actuación do Mago Antón e o seu espectáculo “50 Aniversario” na Praza do Concello, con funcións ás 13:00, 17:00, 18:30 e 20:00h.

O sábado 23 arrancarán os actos da Festa da Malla coa instalación de máquinas, a meda, un obradoiro de pan, o pregón de Mario Outeiro e actuacións musicais. A programación continuará o domingo 24 coa XXXIII Festa da Malla, de Interese Turístico de Galicia, que se prolongará dende a mañá ata a noite.

Entre as demais actividades destacadas figuran a visita guiada ás Fachadas Modernistas o martes 26, a andaina para descubrir as Fontes de Meira o xoves 28, e Música na Rúa o sábado 30, coa actuación do Grupo de Música Tradicional A.C. Andrade de Vilalba ás 20:00h na Praza Maior.

O domingo 31 haberá feira na súa localización habitual e saída do Roteiro Avelino Díaz ás 10:30h desde o Parque Profesor Río Barja ata A Órrea, con inscrición previa. Ese mesmo día tamén pechará a piscina municipal, aberta durante todo o verán.

Durante todo o mes estará dispoñible no Centro a exposición e venda de cadros de Aurora Abraira, así como a exposición permanente “Os Adeuses Eternos. Memoria e Palabra” na igrexa parroquial. Ademais, as visitas guiadas ao mosteiro continúan a diario, ás 11:30 e ás 17:00h, salvo por oficios relixiosos ou outras actividades programadas.

⚙ Configurar cookies
0.15539002418518