Meira arranca cun completo programa de lecer para este verán

TerraChaXa
Continuarán os venres musicais e haberá andainas, visitas guiadas, outros concertos e unha excursión
concello-de-meira
Concello de Meira
9 Xul 2024

O Concello de Meira presentou para este tempo estival un calendario de actividades realizado en conxunto coa asociación Avelino Día, ACEA, Coral Airiños do Miño, a Banda de Música de Meira e a ESMU.

A programación conta con diferentes tipos de actividades entre as que figuran as visitas guiadas, que se celebrarán todos os mércores de xullo ás 17.00 horas desde a Oficina de Turismo. Así, este primeiro día 10 será a vez do Vello Mosteiro, para continuar pola igrexa e o cemiterio de San Roque o 17, a arquitectura modernista de Meira o 24 e remtar coa balsa e os fornos do cal.

Tamén haberá dúas andainas, con saída tamén ás 17.00 horas da Oficina de Turismo. A primeira será este xoves, polo Pedregal, Irimia Alta, Cabana e Porto da Pena. A segunda terá lugar polas fontes de Meira e será o 18.

Como en anos anteriores están previstos os venres musicais, con actuacións eses días abertas a toda a poboación. Comezaron o pasado día 5 coa actuación da ESMU e seguirán o 12 coa coral Airiños do Miño na praza da Convento. O 19 sera a vez da ESMU de novo, tamén na praza do Convento, esta vez con gaitas, metais, percusión e coro. Rematarán o 26 coa prebanda, os saxos e as frautas na praza do Concello. Todas as actuacións serán ás 20.30 horas.

Engádense a este programa tres citas máis, a Festa do San Cristovo o sábado 13, o Festival de Bandas o 14, ás 19.30 horas, coa participación das de Guitiriz, Lourenzá e Meira, e o Concerto da banda de Moaña o día 21 ás 17.30.

Tamén figura no programa a excursión literaria a Ourense para coñecer a ruta da Esmorga, que terá lugar o día 20 de xullo.

As persoas que desexen anotarse ás actividades poderán facelo na oficina de Turismo, agás os venres musicais. En caso de choiva, os concertos serán na Igrexa e as excursións cancelaranse.

veran-de-lecer-meira
0.19664716720581