Meira celebra este domingo a Festa do Corpus
Os integrantes da confraría Nosa Señora do Pedregal de Meira, así como os pais dos pequenos da zona e máis voluntarios do municipio, celebrarán a festa do Corpus o domingo 2 de xuño e colocarán as súas alfombras florais na praza do Concello e a praza do Convento de Meira. Nesta xornada na que fan as comunións os nenos da localidade, aproveitan para facer a procesión polas alfombras, e unha ofrenda nun pequeno altar.
Un dos elementos máis vistosos desta celebración son as elaboradas alfombras florais, cuxa fabricación coordina a confraría Nosa Señora do Pedregal. Este ano a temática será sobre os planetas e o universo, xa que a aula dos nenos que van facer a comunión chámase a aula das estrelas.
Ademais, as asociacións e o Concello celebran así a Festa de Corpus cun programa que dá comezo coa misa, ás 13.00 horas seguida da procesión polas alfombras, que estará acompañada pola Banda Municipal de Música de Meira.
Ao rematar haberá unha sesión vermú amenizada polo Trío Zafiro, quen tamén se encargará da verbena, a partir das 21.00 horas. Haberá tamén atraccións para os máis pequenos.