Meira celebra o Día das Letras Galegas 2025 cunha homenaxe literaria e musical

Este sábado, 17 de maio, ás 12:00 horas, o Centro, no Paseo Central de Meira converterase no epicentro da celebración do Día das Letras Galegas 2025, cun programa especial que mestura literatura, música e memoria.
O acto central será a presentación do libro Arredor do cuarto pequeno, do autor Xosé Manuel do Castro, unha obra que convida á reflexión sobre o pasado e as raíces persoais e colectivas. Acompañarán ao autor na presentación Toño Núñez, Agustín Sarille, Agustín Carballosa e Marisa Dapereira.
A xornada incluirá tamén unha lectura de poemas do poeta Avelino Díaz, figura destacada da literatura local que continúa a ser reivindicada pola súa obra e traxectoria. Como parte do recoñecemento, a Asociación Cultural Avelino Díaz volve insistir na proposta de dedicarlle un futuro Día das Letras Galegas ao autor.
O ambiente estará amenizado pola música tradicional de Os Agostiños e das Cantareiras de Meira e arredores, que achegarán sons do país á celebración. O encontro rematará cunha sesión vermú, aberta á veciñanza e visitantes.
Esta actividade está organizada pola Asociación Cultural Avelino Díaz coa colaboración do Concello de Meira, e supón unha excelente oportunidade para poñer en valor a nosa lingua, cultura e figuras literarias locais.