Meira celebra o Día Mundial da Poesía cunha Cata Literaria

TerraChaXa
A xornada dará comezo cunha benvida e presentación baixo o lema 'A poesía e as xeracións'
cata-literaria
20 Mar 2025

Este venres, 21 de marzo, ás 20:30 horas, o Centro de Meira acollerá un evento especial para conmemorar o Día Mundial da Poesía. A Cata Literaria combinará a arte da palabra coa riqueza gastronómica da zona, nunha cita onde a tradición e a cultura se darán a man.

A xornada dará comezo cunha benvida e presentación baixo o lema A poesía e as xeracións, destacando a figura de Avelino Díaz e a súa conexión cos nenos e nenas de Meira, así como cos poetas da contorna.

A programación incluirá unha Cata Poética, na que participarán os escritores Suso López, Ánxela Gracián e Toño Núñez, que compartirán os seus versos co público asistente.

A poesía maridarase cunha Cata Gastronómica, onde os asistentes poderán descubrir os sabores da cociña dos Ancares e os produtos da IXP Terras do Navia, nunha experiencia sensorial única.

O evento contará tamén cun acompañamento musical, engadindo un toque especial a esta celebración da literatura e da gastronomía galega.

A Cata Literaria está organizada pola Asociación Cultural Avelino Díaz, co apoio do Concello de Meira, a Xunta de Galicia e outras entidades locais.

⚙ Configurar cookies
0.89023399353027