Meira celebrará a súa I Festa da Primavera o 3 de maio no Campo do Plantío

O Concello de Meira organiza a primeira edición da Festa da Primavera, unha xornada festiva que terá lugar o vindeiro 3 de maio no Campo do Plantío. A programación, pensada para todos os públicos, incluirá música en directo, gastronomía, xogos tradicionais e moito máis, nun ambiente de celebración e convivencia veciñal.
As actividades comezarán ao mediodía cun servizo de gastronomía a cargo da Pulpería Pablo, que ofrecerá polbo, churrasco e xamón cocido. A partir das 13:30 horas terá lugar a sesión vermú amenizada polo Grupo Montreal.
Pola tarde, ás 17:00 horas, a festa continuará cunha sesión de tardeo a cargo do DJ Ello, acompañada de xogos populares organizados pola asociación Xotramu. Ademais, estarán dispoñibles food trucks e postos de churros para completar a oferta gastronómica.
A programación culminará ás 21:00 horas cunha gran verbena que contará novamente co Grupo Montreal e o DJ Casanova, encargados de poñer o broche final cunha auténtica festa rachada.
Con esta proposta, o Concello de Meira convida a toda a veciñanza e visitantes a participar desta nova iniciativa coa que se pretende dar a benvida á primavera cunha xornada chea de música, sabor e tradición.