Meira celebrará o 16 de novembro a primeira Festa da Xuventude
O Concello de Meira xa ten todo listo para a celebración da primeira edición da súa Festa da Xuventude, que se levará a cabo o próximo 16 de novembro. Baixo o lema Meirandes!, o evento promete unha xornada chea de actividades para todas as idades, con música, comida, sorteos e moitas sorpresas máis.
A festa comezará ás 14:30 h cunha longa sesión vermú a cargo do Grupo Eureka. A partir das 15:00 horas, os asistentes poderán gozar dun xantar popular que incluirá empanada, churrasco, sobremesa e bebida, dispoñible mediante tíckets que se poden adquirir a través das redes sociais @festasdemeira2025 ou en establecementos de Meira ata o 14 de novembro.
Ás 17:00 h terá lugar o Tardeo, con xogos e música animada por Puzzle Animación. Xa pola noite, a partir das 19:00 horas, a Mekanika Rolling Band tomará o relevo para continuar coa festa, acompañada de food trucks e churros para os que queiran picar algo máis.
A xornada culminará ás 21:00 h cunha gran verbena, coa actuación do Grupo Eureka e Hermotruck, que promete unha noite chea de enerxía e bo ambiente. Ademais, o evento contará cunha carpa para garantir a diversión aínda que o tempo non acompañe.
Como aliciente adicional, todos os participantes poderán entrar no sorteo de 250 euros e outras sorpresas.
A Festa da Xuventude de Meira converterase, sen dúbida, nunha cita ineludible para veciños e visitantes que queiran gozar dun día de festa e amizade.