Meira contará cun orzamento de 2,38 millóns de euros
A corporación municipal de Meira aprobou o orzamento municipal para o ano 2024, que ascende a 2,38 millóns de euros e que foi aprobado cos votos a favor do PSOE, a abstención do PP e en contra de Galicai Sempre.
Crecen as contas meirenses un 1,5% con relación ao ano pasado debido ao aumento dos gastos correntes, como electricidade, gasóleo, locomoción, etc, que xa non chegou a reserva para esta función no pasado exercicio. Pero o capítulo máis elevado en gastos volve ser o persoal municipal, que ocupa o 31,8% do orzamento, que estará reforzado polo plan de emprego da Deputación para contratar peóns durante 6 meses. O outro gasto importante será o Servizo de Axuda no Fogar, que volve subir xa que aumentan tamén as horas de servizo.
No capítulo de investimentos, o orzamento inclúe 250.000 euros para melloras en núcleos rurais e novos abastecementos de auga, seguindo a liña de anos anteriores.
Tamén figura neste capítulo a instalación dunha cuberta na pista de pádel, xa que se trata dunha actuación que se executará este ano, unhas obras que xa están adxudicadas. Conta cun orzamento de 150.000 euros e finánciase coa axuda da Deputación.
Engaden no capítulo de gastos a compra dun novo tractor desbrozador como parte da mellora do parque móbil e a instalación de novas marquesiñas en vías municipais, unha actuación a demanda da veciñanza, dirixida principalmente aos pequenos que esperan o autobús escolar.
O Concello destinará tamén 100.000 euros ao funcionamento da escola municipal e outros 65.000 euros para as axudas ás asociacións de ámbito cultural e social do termo municipal, ademais do servizo de madrugadores e outro vespertino que tamén se verá reforzado.