Meira contará este 25 co seu tradicional belén vivente

Meira contará este ano novamente cun belén vivente e coa cabalgata tradicional como actos centrais da celebración das festas de Nadal, organizadas en colaboración coa ANPA do colexio e a confraría local.
O belén vivente terá as súas representacións os días 25 de decembro e o 6 de xaneiro, como todos os anos na igrexa de Santa María ás 13.00 horas. Formarán parte deste belén os rapaces do colexio, que encarnarán as diferentes personaxes do nacemento, que volverá ter unha temática que unirá a todos.
Xa o venres 26 será o humorista Carlos Blanco quen se suba ao escenario da Casa da Cultura coa súa actuación A Penúltima. O sábado 28, ás 20.30 terá lugar un dos actos máis tradicionais destas datas: o concerto de Nadal da Banda de Música de Meira.
O domingo 5 de xaneiro ás 17:00 horas celebrarase a Cabalgata de Reis, que percorrerá as rúas da vila desde a praza do Concello con remate no pavillón municipal de deportes. Ademais, desde o luns 5 ata o domingo 11 haberá pista de xeo no pavillón municipal, con horarios variados e asistencia mediante entradas acompañadas dun adulto.