Meira continúa co ciclo de proxeccións de cine dos mércores de verán
Este mércores, 9 de agosto, continúa en Meira un Ciclo de cinema Ciclo Mestre Mateo. Está organizado pola Academia Galega do Audiovisual e máis a Deputación de Lugo.
A Asociación cultural M de Meira, xunto co Concello de Meira, colaboran poñendo os medios para que se poida ver no concello e seguirán as proxección mañá co filme Valentina, da directora Chelo Loureiro.
As proxeccións, que son normalmente ás 22.00 horas, nesta ocasión adiántase ás 21.00. horas, na casa da cultura. Baixo o título Mércores de Cine, continuarán o próximo mércores na localidade.
Valentina soña con ser trapecista, pero cre que nunca poderá conseguilo por ter síndrome de Down. A súa avoa, que lle ensina a xogar ao xadrez e un montón de cancións, anímaa sempre a perseverar: se os vermes conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible. Nunca debemos perder a ilusión nin as gañas de aprender; mírame a min -di a avoa- eu aínda estou decidida a ser directora de orquestra algún día! Pero Valentina non está moi convencida, pensa que un verme é demasiado noxento para converterse en bolboreta… Como será esa metamorfose da que fala a avoa? Cando se dispón a preguntarllo, Papá e Mamá danlle unha desconcertante noticia: a Avoa foise de viaxe. De viaxe? Sen se despedir?