Meira e Riotorto presentan a candidatura de Avelino Díaz ás Letras Galegas
O alcalde de Meira, Antonio de Dios, acompañado do seu homólogo de Riotorto, Clemente Iglesias, presentaron a candidatura do poeta, xornalista e activista cultural Avelino Díaz, ao Día das Letras de 2019. Fixérono no salón de plenos do Concello de Meira en compañía de representantes da Asociación Cultural “Avelino Díaz”, que agrupa, ademais dun cento de persoas particulares, 36 colectivos e entidades de toda condición e ideoloxías das comarcas de Meira e da Terra de Miranda.
O 31 de xaneiro de 2014, encabezada polas respectivas autoridades municipais, a sociedade civil dos concellos de Riotorto e Meira decidiu organizarse para tratar de divulgar a vida e a obra de Avelino Díaz Díaz (A Órrea, 1897 – Buenos Aires, 1971). O obxectivo que provocou que persoas e entidades das máis variadas procedencias tomasen o acordo de iniciar este proxecto común foi que, chegado o tempo, tal proxecto debería verse culminado coa publicación íntegra da obra de Avelino da que existe algunha constancia: 1.178 poemas, 193 artigos de prensa, 25 conferencias, obras de teatro, traducións ao/do castelán, portugués e italiano, conferencias, recensións de libros... No xerme da idea planaba a razoable sospeita de que era altamente improbable que os investigadores/as se fixasen nun autor da emigración –que desenvolveu toda a súa produción lonxe de Galicia– e non do exilio, condición esta última –a de exiliado– que, como a historia próxima do estudo da nosa literatura nos recorda, faría máis doado recuperar o noso autor do ostracismo.
Transcorrido o tempo, fíxose máis evidente o temor que presidira o inicio daquel camiño común. Unha obra –de calidade contrastada ao longo destes anos– tan extensa como a de Avelino Díaz só podería ser estudada se se dispón dos medios precisos. Precisamente por iso, a Asociación Cultural que leva o nome do autor intentou presentar a súa candidatura para o Día das Letras durante os dous últimos anos, sen que fose posible en ningunha das ocasións que tal candidatura superase o poxigo da Academia.
O concello de Riotorto tiña 1.255 habitantes o 1 de xaneiro de 2018; nesa mesma data, o concello de Meira estaba formado por 1.711 persoas. É dicir, 2.966 cidadáns e cidadás en total. É a Asociación Cultural “Avelino Díaz” quen realiza de novo a petición, pero faino co apoio inequívoco de 2.421 persoas que asinaron esta petición textual dirixida á Academia:
As persoas abaixo asinantes acordan dirixirse á Real Academia Galega solicitando que o poeta, xornalista e activista cultural Avelino Díaz Díaz, nacido no lugar da Travesa, na parroquia da Órrea (Riotorto – A Terra de Miranda) e residente no lugar da Pena (Meira) durante a súa infancia e xuventude, sexa candidato ao Día das Letras do próximo ano. Un Día das Letras dedicado a el faría posible poder localizar e publicar os 851 poemas inéditos da súa autoría, así como a súa enorme produción xornalística. Con el renderíaselles homenaxe a todos os escritores/as que sufriron a emigración e non só o exilio, ademais de recoñecerlle a autoría do primeiro libro de poemas da literatura galega da posguerra (Debezos, 4 de xullo de 1947).
A solicitude vai acompañada tamén da adhesión de 51 empresas e colectivos da comarca de Riotorto e Meira. Uns e outros apoios son puramente testemuñais pero, de ter existido realmente unha campaña ao respecto deseñada con demora, serían con seguridade practicamente unánimes.
Coa candidatura de Avelino Díaz, ademais da recuperación da súa amplísima obra, renderíaselles homenaxe aos autores/as da emigración –e non só do exilio– que, lonxe de permanecer alleos aos problemas de Galicia, foron sempre fieis a ela, e mesmo actuaron –este foi o caso de Avelino tamén– como anfitrións dos exiliados cando as circunstancias viñeron mal dadas.
No sitio web da Asociación (www.poetaavelinodiaz.gal) pode ollarse unha ampla memoria das actividades desenvolvidas arredor da figura de Avelino ao longo destes anos.
A campaña de presentación de Avelino Díaz ao Día das Letras de 2019 vai acompañada de elementos tan dispares como o fallo do II Certame de debuxo e poesía “Avelino Díaz”, que se producirá nas vindeiras semanas e ao cal foron presentados máis de 400 obras procedentes de toda Galicia. Igualmente, por exemplo, os hostaleiros de Meira e Riotorto editarán en breve unha partida de panos de mesa (servilletas) dedicados á figura de Avelino.