Meira estrea a nova Praza Maior sen barreiras e totalmente accesible
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde e o alcalde de Meira, Antonio de Dios, acompañados de veciños, inauguraron a Praza Maior da vila na que se celebra a tradicional feira quincenal ou a Festa da Malla, e que a partir de agora non terá barreiras arquitectónicas e será totalmente accesible grazas á Deputación e ao Concello. Estas melloras supuxeron un investimento económico do Executivo Provincial de 122.000 euros.
Campos Conde remarcou que “con esta nova dotación os veciños poden desfrutar dun entorno único e sobre todo accesible para todos os que queiran desfrutar deste espazo. Cónstame que esta Praza é o símbolo deste pobo, e agora os seus veciños teñen outro motivo para sentirse orgullo del”, avanzou.
“Somos unha Deputación que atende ás necesidades de cada Concello. Por iso, a partir de agora a Praza Maior de Meira lucirá dun xeito especial, volvendo a ter o protagonismo que se merece. Un espazo público que é a unión de todo un pobo”, sinalou o presidente.
O alcalde de Meira agradeceu o compromiso do Goberno da Deputación “por cumprir unha vez máis cos meiregos e meiregas. Ademais, síntome especialmente orgullo de recuperar un dos emblemas desta praza como son os antigos carteis que adornaban este espazo, nos que se pode ler Paseo Central”.
A Praza de Meira é o punto neurálxico da vila, neste espazo celebrase unha das feiras máis importantes da provincia, que atrae a centenares de visitantes e comerciantes cada 15 días que se celebra este cita. Neste espazo tamén se conmemoran outro tipo de acontecementos como a Festa da Malla, que acolle a recreación deste traballo agrícola, que inclúe un amplo programa de actividades.
As melloras que se executaron con cargo ao investimento de 122.000 euros consistiron na eliminación das barreiras arquitectónicas, a instalación de 4 rampas de acceso, a rehabilitación da pedra e de todas as táboas dos bancos, así como a renovación da luminaria para obter unha mellor eficiencia enerxético. E a mellora do firme con aglomerado en quente, ademais de novas zonas de aparcadoiro para servizos de urxencias.