Meira festexa o 12 o Entroido con concurso, festa e sorteo de agasallos
O Concello de Meira fixo público o seu programa de Entroido, que terá lugar o luns 12 de febreiro.
Así, a vila volverá contar co seu popular concurso de disfraces na noite do luns. A celebración terá lugar no pavillón municipal. A festa dará comezo ás 19.30 horas con animación musical polas rúas da vila coa charanga 555 e a partir das 22.00 horas terá lugar o baile e desfile no pavillón animado pola música do dúo Belinda.
O concurso de disfraces terá lugar a media noite e contará con preto de 1.500 euros en premios. Así, as cinco primeiras comparsas recibirán 300, 150, 100, 60 e 40 euros respectivamente. Por parellas haberá 120, 90, 70, 50 e 30 euros en premios. En individual os premios serán de 110, 70, 50, 40 e 30 euros. Ademais, haberá un premio especial da Asociación de Comerciantes e Autónomos de Meira por valor de 150 euros para o mellor disfrace meirego.
Por outra banda, ACEA sorteará antes do concurso, un lote de produtos de entroido. As rifas repartiranse nos locais asociados á ACEA coas compras que se fagan nos días previos ao sorteo.
As inscricións para o concurso realizaranse no Concello de Meira, de luns a venres, das 9.00 horas ás 14.00 horas, en persoa ou a través do telefóno 982 330 102, ou ben o mesmo día do desfile entre as 22.00 e as 24.00 horas.