Meira festexa o 16 o Entroido con concurso, festa e sorteo de agasallos

O Concello de Meira fixo público o seu programa de Entroido, que terá lugar o luns 16 de febreiro.
Así, a vila volverá contar co seu popular concurso de disfraces na noite do luns. A celebración terá lugar no pavillón municipal. A festa dará comezo ás 19.30 horas con animación musical polas rúas da vila coa charanga Os Soriños e a partir das 22.00 horas terá lugar o baile e desfile no pavillón animado polo grupo Los Adrianos.
O concurso de disfraces terá lugar a media noite e contará con máis de 1.300 euros en premios. Así, as cinco primeiras comparsas recibirán 300, 150, 100, 60 e 40 euros respectivamente. Por parellas haberá 120, 90, 70, 50 e 30 euros en premios. En individual os premios serán de 110, 70, 50, 40 e 30 euros.
As inscricións para o concurso realizaranse no Concello de Meira, de luns a venres, das 9.00 horas ás 14.00 horas, en persoa ou a través do teléfono 982 330 102, ou ben o mesmo día do desfile ata as 22.00 horas.