Meira impulsa a compostaxe doméstica cunha campaña informativa

O Concello de Meira pon en marcha unha nova campaña de compostaxe doméstica co obxectivo de promover a reciclaxe de residuos orgánicos entre a veciñanza. A iniciativa, que conta con apoio da Xunta de Galicia, da Unión Europea e do Goberno de España, busca fomentar prácticas sostibles no tratamento dos residuos do fogar.
Baixo o lema Apúntate á compostaxe, instalaranse postos informativos diante da Casa do Concello, nos que se ofrecerá información e asesoramento sobre o proceso de compostaxe, así como sobre os beneficios ambientais e económicos desta práctica.
As datas previstas para os postos informativos son o martes 29 de xullo, de 10:00 a 13:30 horas, e o domingo 3 de agosto, tamén de 10:00 a 13:30 horas.
Desde o Concello animan á cidadanía a achegarse a estes puntos, resolver dúbidas e participar activamente nun modelo de xestión de residuos máis responsable e respectuoso co medio ambiente.