Meira incorpora un ano máis os mecos ao seu programa de Entroido

Regresa a Meira un ano máis o costume dos mecos polo Entroido e despois da celebración este domingo do Baile do Farolillo, que anuncia a proximidade do tempo de disfraces.
O domingo día 15 hai feira en Meira e serán protagonistas os mecos ou espantallos que se foron elaborando por parte das asociacións, colectivos e veciñanza.
Estes mecos estarán expostos na rúa desde este martes, 5 de febreiro, ata rematado o Entroido, o mércores de cinza, día 18 de febreiro, cando todo aquel que queira poderá queimalo na Campa do Plantío.
Tamén ser farán públicos, entre o 9 e o 16 deste mes, os Mandados do Meco que é quen dirixe no Entroido. El dirá como deben vestirse a semana previa ao Entroido. Estas comunicacións sairán na web do Concello, na páxina de Facebook da Oficina de Turismo e no Taboleiro de Anuncios do Concello (a carón da Casa de Cortón, onde a Praza Maior).
O concello lembra que os mecos non deben interromper o paso dos veciños e non deben tampouco supoñer ningún perigo.
Tradicionalmente, o meco representa a un personaxe público, normalmente vinculado ao mundo da política ou a igrexa e en moitas ocasións transformado nun porco con forma humana. Cos mecos búscase denunciar certas situacións que perturban a unha localidade. Desde fai séculos o meco caracteriza o Entroido galego en numerosas cidades como Vigo ou Santiago.