Meira organiza unha xornada de reflexión e memoria a través dos epitafios
O Concello de Meira celebrará o próximo sábado 30 de novembro unha xornada cultural e literaria centrada na memoria e o significado dos epitafios. A iniciativa, que combina unha visita guiada e unha presentación literaria, conta coa colaboración da Parroquia de Meira, Funeraria Lourido e Modelo Burela.
A programación comezará ás 16:30 horas cunha visita guiada ao Cemiterio de San Roque, cuxa saída será desde a Oficina de Turismo de Meira. Esta actividade, baixo o lema Os Adeuses Eternos, explorará a importancia da palabra nos epitafios e como estes reflicten a memoria e o legado persoal.
Posteriormente, ás 18:30 horas, terá lugar no centro social a presentación do libro As horas mortas. Viaxes e conversas por cemiterios galegos, da escritora Emma Pedreira. Este evento contará coa participación de Bernardo Penabade e Yoani Jartín, encargados de conducir o acto.
Esta xornada busca promover o interese cultural arredor da memoria e a reflexión sobre a pegada que deixamos a través da palabra escrita, ofrecendo unha experiencia que mestura historia, literatura e tradición.