Meira prepárase para un agosto cheo de cultura, música e tradicións populares

O concello de Meira xa ten en marcha o seu programa Verán de Lecer para este mes de agosto, cunha ampla e variada oferta de actividades culturais, deportivas e festivas pensadas para todos os públicos. Durante todo o mes, veciños e visitantes poderán gozar dunha intensa programación que inclúe concertos, exposicións, teatro, festas patronais, visitas guiadas e eventos tradicionais.
O mes comeza coa celebración do II Torneo de Fútbol Sala Meira, esta fin de semana. O día 5 arrinca o ciclo de visitas guiadas desde a Oficina de Turismo, e o día 6 inaugúrase a exposición de pintura de Aurora Abraira no Centro, ás 18.00 horas. O día 7 será a quenda do concerto do grupo Luar na Lubre, na Igrexa de Meira, e o venres 8 representarase a obra de teatro Microrrelatos na Casa da Cultura. O sábado 9 haberá unha carreira e andaina popular, seguida de cantos de taberna pola noite, mentres que o domingo 10 terá lugar o Festival de Habaneras na Praza do Convento, sobre as 19.30 horas.

Do 14 ao 17 de agosto celebraranse as tradicionais Festas do Quince, dedicadas á Virxe de Meira, San Roque e a tradicional Xira Campestre. Estas festas incluirán música, deporte e actividades infantís. O día 21 celebrarase unha xornada especial con actuacións do mago Antón, coincidindo co seu 50 aniversario. O 24 de agosto terá lugar a XXXIII edición da Festa da Malla, cunha recreación da malla tradicional, exposición de maquinaria antiga e música na Praza Maior. O sábado 30 haberá un concerto organizado polo colectivo Poeta Avelino Díaz, e o domingo 31 celebrarase unha ruta en honor a este autor, cun percorrido de 9,5 km ata a Meira-Órrea.
Tamén ao longo do mes manteranse abertas as inscricións para visitas guiadas e andainas, que terán lugar os martes e xoves, así como obradoiros para a terceira idade e sesións de teatro na rúa.
Con esta programación, Meira reafírmase como un dos principais destinos do interior de Galicia para gozar do verán, combinando cultura, natureza, tradición e entretemento nun mesmo espazo