Meira prepárase para un intenso mes de agosto de celebracións
Meira celebra no mes de agosto as súas festas patronais na honra da Nosa Señora e San Roque, celebración que se prolongará cunha serie de celebracións dende o 9 de agosto ata case o mes de setembro.
A primeira cita será precisamente o sábado 9 cando terá lugar os Cantos de Taberna, a partir das 20:00 horas. Está prevista a participación nos bares Pozo, Recuncho, Flor, Xeira, Centro, Cazoleiro, Arguiñano e Muíño.
Ese mesmo día terá lugar a primeira edición da Festa do Bolo Preñado e Viño Tinto, unha nova cita gastronómica que terá lugar o venres na praza Maior, a partir das 21.00 horas.
Ao día seguinte, sábado, terá lugar a segunda edición da Carreira Popular Vila de Meira, que nesta ocasión terá dúas vertentes diferentes, a categoría infantil, cun percorrido dun quilómetro e premio para todos os participantes; e a de adulto, que terá o mesmo percorrido que na edición anterior, 7.8 quilómetros, e premio aos primeiros clasificados e reparto de bolsa merenda a todos os participantes.
A inscrición para esta cita deportiva está xa aberta e pode realizarse ata uns días antes na web www.championchipnorte.com. A carreira para os máis mozos dará comezo ás 18.00 horas e a de adultos unha hora máis tarde.
O entremés principal das festas deste ano será o concerto de Carlos Núñez, que será o 13 de agsoto na Igrexa Mosteiro de Santa María de Meira ás 20:00h. As entradas para este concerto xa están esgotadas e con el festéxanse tamén o décimo aniversario da da confraría de Meira, que se conmemora con actos durante todo o ano.
FESTAS PATRONAIS
As festas patronais, na honra da Nosa Señora e San Roque, darán comezo o 14 de aggosto e se prolongarán ata o 17, día da celebración da Xira Campestre. As festas patronais terán o seu comezo ás 19.00 horas co pasarrúas a cargo de Dámbara, que servirá de prólogo ao acto central coa apertura das festas con sesión de batukada e cabezudos seguido do concerto da Banda Municipal de Meira, ás 21.00 na Praza Maior.
Nesta ocasión o pregón das festas estará a cargo de Diego Vallejo (copiloto de rallies, tres veces campión de España e catro participación no París-Dakar). Finalizará a primeira xornada festiva coa verbena a cargo das orquestras New York e Garibaldi.
O día grande, o 15 de agosto comezarán as celebracións co pasarrúas a cargo da charanga Os Tutuiños de Meira, que tocarán antes do oficio relixoso que terá lugar ás 13.00 horas cantada polo Coro Parroquial de Meira. Como non podía ser de outro xeito, haberá procesión e sesión vermú co acompañamento da Banda Municipal de Meira deixando para a tarde os Xogos Populares na Praza Maior. O apartado musical estará ao cargo das orquestras Olympus e La Favorita.
O día 16 de agosto continuarán as festas patronais novamente cos Tutuiños de Meira en sesión de pasarrúas. Ás 12.30 horas terá lugar a saída da igrexa coa procesión a Capela de San Roque acompañada polo Grupo de Gaitas de Meira e seguidamente Misa ás 13:00 horas. A sesión vermú estará a cargo da orquestra Nevada Band e tralos xogos populares na praza Maior da tarde a verbena esetará ao cargo de Kubo e Nevada.
As festas rematarán o 17 coa xira campestre no Porto da Pena amenizada novamente polos Tutuiños de Meira e con festa da escuma e discoteca móvil.
FESTA DA MALLA
O colofón das festas será a celebración da XVIII edición da Festa da Malla, Festa declarada de interés Turístico de Galicia, que terá lugar o día 18, domingo, a partir das 12.00 horas na praza Maior. Dentro destas festas está previsto un Festival de Bandas de Músic coa actuación da Asociación Cultural 25 Xastres, Grupo FOLK Leirabuxo, Trío Muralla, Banda de Música de Meira, Banda de Gaitas da Escola de Música e Banda de Acordeóns, entre outros.
A xornada comezará de mañá cedo coa chegada do trigo á praza sobre un vello tractor. Posteriormente, os preto de 80 colaboradores realizarán a malla, tanto a man como a máquina, tal e como se facía dende as súas orixes. A importancia desta feira, que organiza a Asociación de Amigos da Malla, quedou patente desde os seus orixes, cando se convertiu nun referente en Galicia para outras similares.
O acto central será o xantar, no que se espera congregar a centos de persoas, tal e como se fixo en edicións pasadas. A organización servirá un menú de 12 euros que constará de empanada e cocido (lacón, morro, orella, chourizo, patacas, garbanzos e repolo), requeixo con mel, viño ou auga, pan e café.
Un ano máis, incluiranse no menú unha degustación de buñuelos e viño sobre as 12.00 horas.