Meira presenta o programa da súa I Festa do Cocido
O vindeiro 9 de febreiro, o polideportivo de Meira converterase no epicentro da I Festa do Cocido. Organizada baixo o lema Meirandes!, esta cita promete unha xornada chea de sabor, música e actividades para toda a familia.
A festa dará comezo ás 13:00 horas cunha sesión vermú a cargo de Verónica Cambón e DJ Casanova, que se prolongará á tarde garantindo un ambiente animado dende o mediodía. Ademais, a comisión organizará un punto de venda de suadoiros conmemorativos.
A partir das 15:00 horas, será o momento de desfrutar do prato estrela: o cocido. O menú para adultos, cun prezo de 35 euros, incluirá sopa de cocido, lacón, orella, rabo, butelo, chourizo, verdura, costela cocida, cachelos, garavanzos, sobremesa, bebida e café. Para os máis pequenos (de 3 a 10 anos), haberá un menú infantil por 15 euros, composto por sopa de cocido, escalopíns de polo con patacas, bebida e sobremesa.
A diversión continuará coa celebración dun bingo con premios, mentres os máis pequenos poderán gozar dunha área de inchables e xogos gratuítos.
Os interesados poden encargar os seus tíckets para a comida a través das redes sociais oficiais (@festasdemeira2025) ou en varios establecementos de Meira ata o 4 de febreiro.
Esta primeira edición da Festa do Cocido está organizada polo Concello de Meira e busca converterse nun referente gastronómico na comarca co obxectivo de perpetuarse.
Meiregos e meiregas están convidados a participar nesta festa que rende homenaxe a unha das tradicións culinarias de Galicia.