Meira presenta o programa da súa segunda Festa do Cocido

O vindeiro 22 de febreiro, o polideportivo de Meira converterase no epicentro da segunda edición da Festa do Cocido. Organizada baixo o lema Asdoqu1nc5! esta cita promete unha xornada chea de sabor, música e actividades para toda a familia.
A festa dará comezo ás 13:30 horas cunha sesión vermú a cargo de Jorge Ferre e DJ Casanova, que se prolongará á tarde garantindo un ambiente animado dende o mediodía.
A partir das 15:00 horas, será o momento de desfrutar do prato estrela: o cocido. O menú para adultos, cun prezo de 35 euros, incluirá sopa de cocido, morro, lacón, orella, rabo, butelo, chourizo, verdura, costela cocida, cachelos, garavanzos, sobremesa, bebida e café. Para os máis pequenos (de 3 a 10 anos), haberá un menú infantil por 20 euros, composto por sopa de cocido, escalopíns de polo con patacas, bebida e sobremesa.
A diversión continuará coa celebración dun bingo con premios.
Os interesados poden encargar os seus tíckets para a comida a través das redes sociais oficiais ou en varios establecementos de Meira ata o 15 de febreiro.
Esta segunda edición da Festa do Cocido está organizada polo Concello de Meira e busca converterse nun referente gastronómico na comarca co obxectivo de perpetuarse.