Meira presenta o programa de verán con visitas guiadas, andainas e música ao aire libre

TerraChaXa
As actividades comezan este venres, ás 20:30 horas, coa actuación dos grupos de acordeóns e clarinetes na Praza do Convento
actividades-veran-lecer-meira
4 Jul 2025

O Concello de Meira, en colaboración coa Banda de Música de Meira e a Escola de Música Municipal, vén de lanzar o seu programa de actividades culturais para o mes de xullo baixo o título Verán de Lecer 2025. A proposta inclúe visitas guiadas, rutas de sendeirismo e concertos ao aire libre, cunha ampla variedade de actividades pensadas para todos os públicos.

As visitas guiadas terán lugar todos os martes de xullo ás 17:00 horas, con saída dende a Oficina de Turismo. O día 8 visitarase o vello mosteiro na actividade titulada De pontes para dentro. O 15 farase un percorrido desde a igrexa ata o cemiterio de San Roque co lema Os adeuses eternos. O día 22 será a quenda do cemiterio da Salgueira co itinerario Das mámoas aos cemiterios. Os adeuses eternos. 2, e o 29 pecharase o ciclo cunha visita á arquitectura modernista baixo o nome As outras caras de Meira. Ademais, volverá a estar aberta ao público a exposición "Os Adeuses Eternos. Palabra e Memoria" na Igrexa de Meira.

As andainas, os xoves, tamén sairán da Oficina de Turismo ás 17:00 horas. O 17 de xullo terá lugar a ruta con Avelino Díaz, o día 24 explorarase o espazo natural das fontes de Meira e o 31 percorrerase a zona da Salgueira.

Os venres serán días de música nas prazas do concello, con concertos organizados pola Escola de Música Municipal de Meira. Hoxe, 4 de xullo ás 20:30 horas actuarán os grupos de acordeóns e clarinetes na Praza do Convento. O venres 11, tamén ás 20:30, o protagonismo será para o vento-metal, a percusión, as gaitas e o coro na Praza do Concello. Finalmente, o día 18 pecharase o ciclo musical na Praza Maior cos saxos, frautas e a prebanda.

As persoas interesadas en participar nas visitas e nas andainas deben inscribirse previamente na Oficina de Turismo de Meira ou contactar a través do teléfono 618 679 632 ou no correo electrónico turismo@concellodemeira.com. En caso de choiva, estas actividades serán canceladas, mentres que os concertos musicais trasladaranse ao interior da igrexa.

O programa Verán de Lecer 2025 propón unha maneira divertida e cultural de gozar do verán en Meira, apostando pola posta en valor do patrimonio local, a natureza e a música como ferramentas de encontro e desfrute colectivo.

⚙ Configurar cookies
0.17386198043823