Meira celebra este ano unha renovada Ruta Miño-Eo con 85 participantes

Arranca maio en Meira coa celebración da Ruta de Sendeirismo Miño-Eo, que este ano celebrarase este domingo 4 de maio con arredor de 85 participantes. A edición de 2025 introduce varias novidades para mellorar a experiencia das persoas participantes.
Un dos principais cambios é a posibilidade de elixir entre catro distancias diferentes, adaptándose así ás preferencias de cada camiñante. A ruta completa mantén o mesmo percorrido para todas as opcións, pero o punto de finalización dependerá da distancia escollida. A saída será desde o Concello de Meira e o final en Meira, tras o xantar no Cabanón do Convento.
A primeira distancia, de 14 km, leva ata o punto sinalado no mapa como "Metade da ruta", desde onde se continúa pola liña rosa ata o Estreito. Neste punto haberá un avituallamento e vehículos dispoñibles para trasladar ás persoas participantes de volta a Meira.
A segunda distancia, de 21 km, segue o mesmo percorrido ata o Estreito, pero os participantes regresarán a Meira pola liña amarela, refacendo o camiño do Pedregal.
A terceira distancia, de 20 km, percorre toda a ruta indicada en liña azul, finalizando no Estreito, onde tamén haberá transporte dispoñible para a volta.
A cuarta distancia, a máis longa con 27 km, segue o mesmo itinerario da terceira opción, pero regresando a Meira pola liña amarela.
Para maior comodidade, os camiñantes poderán facer uso das duchas e vestiarios do Pavillón Polideportivo, polo que se recomenda traer roupa de recambio. Outra novidade importante é a modificación dos horarios: a saída adiántase ás 8:00 h e o xantar será ás 15:00 h.
A organización manterá os puntos de almorzo en Espido e avituallamento no Piñeiro e no Estreito, así como o acompañamento de Protección Civil durante todo o percorrido.