Meira segue a ser socialista
Antonio de Dios revalida a súa maioría absoluta malia perder un concelleiro. O PP sobe de 1 a 3 e a nova formación Contamos completa a corporación.
CONCELLEIROS ELECTOS
◆ Antonio de Dios Álvarez (PSOE)
◆ Agustín Méndez Moirón (PSOE)
◆ Mª de las Urdes Díaz Yanes (PSOE)
◆ Rubén Vidal Vidal (PSOE)
◆ Manuel Vidal Vallejo (PSOE)
◆ Óscar Fernández Fernández (PP)
◆ Sonia Folgueira Bouso (PP)
◆ Enrique Castro Castro (PP)
◆ Pablo Corbelle González (Ga.S)
Meira seguirá a ser unha lexislatura máis socialista e iso é así logo da vitoria do equipo de Antonio de Dios nos últimos comicios, nos que logrou a maioría absoluta.
Se houbo un partido que creceu foi o PP, que subiu de 1 a 3 concelleiros pasando do 18,9% dos sufraxios ao 30%. O PP levaba este ano novo cabeza de lista, Óscar Fernández, que realizou unha intensa campaña.
A terceira forza será Contamos, un proxecto novo que evoluciona desde Galicia Sempre, que xa tiña un asento na corporación, con Pablo Corbelle á fronte. Revalidou presenza con exactamente a mesma porcentaxe de representación que no 2019, o 10,45%.
Os votos tamén marcharon cara outros partidos, xa que Meira foi un dos poucos que presentou cinco listas diferentes ás eleccións, pero as outras dúas quedaron sen representación.
O mellor situado foi o BNG, que perdeu o concelleiro que tiña e queda fóra da corporación. Os nacionalistas xuntaron o 8,14% dos votos, 92 en números absolutos. Así, a Ermitas Rodríguez, candidata deste ano, fíxolle dano a dispersión do voto.
No relativo a VOX, moi baixa representación con 17 votos, que supón o 1,5% dos sufraxios, e que, como no resto de concellos de Lugo, quedou sen opcións de entrar en ningún goberno local.
Con este resultado Antonio de Dios superará os 20 anos á fronte do Concello, xa que leva no mesmo desde 2003, os dous primeiros como independente e logo desde 2011 na lista socialista.
“Temos a idea de ampliar a área de caravanas e a ponte, pero isto último é prioritario porque xa está todo preparado e acordado para que comece a obra. E logo seguiremos traballando en todo o que nos piden dende o colexio, ou a gardería así como o centro de maiores para mellorar a contorna”, avanzada o alcalde durante a campaña.