Melloran 51 paradas de bus en 15 estradas autonómicas de dez concellos

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa
Intervirase en 30 paradas en Lugo, 5 en Xove, 4 en Castro de Rei, 2 en Riotorto, Outeiro de Rei, O Vicedo, Cospeito e Begonte, e 1 en Abadín e Meira
marquesiña-castelo-lugo
11 Out 2024

A Xunta está a mellorar a seguridade e a accesibilidade de 51 paradas de autobús ubicadas en 15 estradas autonómicas ao paso por 10 concellos de Lugo, cun investimento de máis de 1,8 millóns de euros.

Así o detallou esta mañá o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, na súa intervención na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia.

Concretou que se está a intervir en 30 paradas en Lugo, 5 en Xove, 4 en Castro de Rei, 2 en Riotorto, Outeiro de Rei, O Vicedo, Cospeito e Begonte, e 1 en Abadín e Meira respectivamente.

Lembrou que estas actuacións se enmarcan no programa da Xunta para acondicionar máis de 1.100 paradas de autobús interurbano en estradas autonómicas en Galicia, cun investimento global de máis de 35 millóns de euros.

Referiuse á estrada LU-530, no barrio do Castelo, onde a Xunta promoveu a mellora tanto da mobilidade como da seguridade mediante actuacións como a instalación dunha marquesiña e a adecuación dun espazo para permitir a manobra dos autobuses no Carqueixo.

Sinalou que tamén se está a avaliar a posibilidade de implantar unha senda neste treito, que complemente á actuación de mellora da seguridade viaria de paradas de autobús en execución.

Non obstante, lembrou que a Xunta tenta promover a construción dun viario estruturante para a cidade de Lugo, como é a Rolda Este, que sería a solución para os problemas que ocasiona a alta densidade de tráfico neste tramo da LU-530. Recordou que o BNG amosou primeiro no Concello a súa posición favorable respecto a esta actuación, pero posteriormente se opuxo unha vez que a Xunta activa o proxecto, na mesma traza que o PXOM.

Sinalou que a pertenza á Xunta deste treito da LU-530 obriga a aplicar a normativa de estradas, e ofreceu a disposición a tramitar o cambio de titularidade en favor do Concello, e en axeitado estado de conservación, de modo que a entidade local a poida xestionar como unha rúa.

En relación á estrada Lugo- Portomarín (LU-612), apuntou que o Goberno galego executou unha senda nos primeiros 1,9 quilómetros, para a que se mobilizou un investimento de máis de 500.000 euros. Esta actuación uniu Piúgos coa estrada vella de Santiago e polo tanto con Lugo, a través dun novo itinerario peonil seguro para os peóns, separado da calzada.

Ademais o director fixo fincapé en que a Xunta leva anos traballando na mellora da seguridade do Camiño de Santiago na súa confluencia con tramos de estradas de titularidade autonómica.

Precisou que se levou a cabo unha estratexia pola que se executaron 109 actuacións entre 2021 e 2023 anos por un importe de 3,21 millóns de euros, a maiores das sendas do Plan de Sendas de Galicia.

No caso do Camiño Primitivo, acometéronse melloras en 22 puntos nos 4 últimos anos. Así, indicou que se destinaron 251.500 euros a 14 actuacións para incrementar a seguridade na confluencia coas estradas LU-701, LU-740, LU-530, LU-232 e LU-231 na Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo e Palas de Rei.

No termo municipal de Lugo, destacou a senda proxectada entre os puntos quilométricos 6+810 e 8+110 da estrada LU-530. Trátase dun tramo de 1.300 metros nesta vía onde o Camiño Primitivo transcorre paralelo entre as localidades de Carballido e Manzoi.

Engadiu que entre 2022 e 2023 se executaron outras 8 actuacións no Camiño Primitivo ao seu paso pola provincia de Lugo.

0.12492203712463