Melloran a estrada LU-P-0106 fortalecen a mobilidade entre Vilalba e Abadín

TerraChaXa
A Deputación de Lugo acondiciona preto de 4 quilómetros desta vía estratéxica para a comarca chairega, mellorando a seguridade e a conexión territorial
melloras-LU-P-0106-Vilalba-e-Abadín
19 Jul 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, desprazouse este venres aos concellos de Vilalba e Abadín para supervisar, xunto coa alcaldesa vilalbesa, Marta Rouco, e con representantes municipais de ambos territorios, o resultado das obras de mellora executadas na estrada provincial LU-P-0106.

Esta vía conecta Corvite, na LU-113, con Martiñán, na N-634, e forma parte dun itinerario clave para a mobilidade e o desenvolvemento da comarca da Terra Chá. A intervención contou cun investimento próximo aos 200.000 euros e permitiu o acondicionamento de preto de catro quilómetros da calzada.

Segundo explicou Tomé Roca, os traballos centráronse en dous treitos concretos: desde o inicio da vía ata o punto quilométrico 0,687 e desde o quilómetro 2,920 ata o 6,043. As actuacións incluíron a reapertura de cunetas para mellorar a drenaxe, a pavimentación da estrada con aglomerado en quente para garantir unha condución máis segura e cómoda, e a renovación da sinalización horizontal con marcas reflexivas brancas que incrementan a visibilidade, especialmente en condicións meteorolóxicas adversas.

O mandatario provincial subliñou que esta actuación supón un avance significativo nas comunicacións entre os municipios de Abadín e Vilalba, xa que a LU-P-0106 conecta a LU-113, que une Rozas con Abadín, coa estrada nacional N-634, unha das arterias viarias máis importantes do norte da provincia. A mellora da vía facilita os desprazamentos diarios tanto persoais como laborais, favorecendo a cohesión territorial.

Ademais do seu valor funcional, a estrada LU-P-0106 dá acceso a diversos recursos turísticos, patrimoniais e naturais da zona, como a Ruta dos Muíños, a igrexa de San Pedro de Aldixe ou as parroquias de Corvite, en Abadín, e Corvelle, en Vilalba, que agora contan cunha conexión mellorada.

Esta intervención forma parte do compromiso da Deputación de Lugo coa mellora da rede viaria provincial, que supera os 4.200 quilómetros de lonxitude, entendida como unha ferramenta clave para garantir a igualdade de oportunidades, facilitar o acceso a servizos básicos e contribuír á fixación de poboación no rural.

⚙ Configurar cookies
0.16788196563721