Mellorarán a xestión de residuos en varios concellos da comarca

TerraChaXa | AMariñaXa
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destina 457.
29 Nov 2020

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destina 457.000 euros a mellorar a xestión de residuos en 19 municipios lucenses, mediante achegas destinadas á habilitación de puntos limpos móbiles ou espazos de autorreparación, o fomento da compostaxe e a implantación da recollida separada da fracción orgánica.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, sinalou que con este programa a Xunta favorece a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos, co fin de avanzar no reto da sostibilidade ambiental.

Do montante total, 212.475 euros serán investidos en accións que posibiliten a compostaxe in situ dos biorresiduos, ben en proxectos domésticos nas vivendas que dispoñan de terreo para elo, ou ben en zonas postas a disposición polas entidades locais para o tratamento comunitario dos biorresiduos. Esta foi a medida máis demandada, que porán en marcha en concreto once concellos: A Pobra de Brollón, Friol, Foz, Viveiro, os de Guitiriz e Xermade en común, e tamén de forma conxunta os de Riotorto, A Pastoriza, Pol, Meira e Ribeira de Piquín.

Outros 168.500 euros servirán para habilitar puntos limpos móbiles nos municipios do Incio, O Vicedo, Sober, Ribas de Sil e Castro de Rei. Pode tratarse de remolques e contedores metálicos, camión con caixa e chasis, furgoneta adaptada e modelos similares, e deberán ter diferentes compartimentos para a recollida de residuos como aceites vexetais usados, téxtiles, restos voluminosos ou medicamentos, entre outros.

Reparar e intercambiar

Os concellos de Vilalba e Outeiro de Rei obteñen en total 59.600 euros para poñer a disposición da cidadanía espazos municipais de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, xoguetes, ...), coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos.

Dentro destes espazos públicos pódense diferenciar tres tipos de actividades: autorreparación (nas especialidades que dispoña o servizo: electricidade, carpintaría, téxtil...), intercambio de obxectos e sensibilización ambiental. As axudas da Xunta están orientadas a financiar os custos de adecuación e equipamento dos locais.

Por último, o concello de Cospeito obtivo unha achega de 16.500 euros para a implantación da recollida separada da fracción orgánica. Esta acción pode involucrar aos fogares, comunidades de propietarios ou grandes produtores (como supermercados ou servizos de hostalería) e incluír iniciativas como a instalación de contedores para este tipo de residuos -de cor marrón-, distribución de elementos como caldeiros ou bolsas compostables, ou vehículos para a recollida separada destes elementos.

A situación extraordinaria provocada pola pandemia levou á Consellería a ampliar o prazo de execución e de xustificación das axudas ata o 30 de decembro, polo que moitos concellos están traballando neste último tramo do ano na incorporación destas medidas.

0.1329619884491