Membros do Museo do Pobo Galego visitan a mostra da malla da aldea muresa de Aguias

TerraChaXa
A exposición consta de 36 fotografías feitas polo oftalmólogo Antón Beiras nesa aldea en 1957 que se presentan nunha vella caseta de correos ao pé da aira onde se celebrou a malla
visita-museo-do-pobo-galego-aguias-muras
7 Out 2024

A oficina de socios e socias do Museo do Pobo Galego retoma as actividades das súas saídas tralo parón do verán cunha visita á aldea das Aguias en Muras para ver a exposición A malla de Pascual. 1957 do Legado Activo Beiras Cal.

A exposición consta de 36 fotografías feitas polo oftalmólogo Antón Beiras nesa aldea de Muras en 1957 que se presentan nunha vella caseta de correos ao pé da aira onde se celebrou a malla.

As fotografías do Dr Beiras, de grande forza visual, móstranse acompañadas de textos do crítico de arte Carlos L. Bernárdez, o historiador Bruno Esperante, a poeta Olga Novo, o fotógrafo Daniel Díaz Trigo, a dramaturga Carme Varela e unha descendente da casa onde se realizou a malla, a bióloga Mari Luz Guerreiro.

Na inauguración da exposición, o 24 de xullo, estivera presente a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e agora foi un grupo de arredor de 40 socios e socias os que visitaron a exposición na que se recollen diversos momentos dunha malla realizada xa con motor, aínda que este era desprazado dunha aldea para outra en carro de vacas pois o uso do tractor non era común aínda naquel momento.

O grupo aproveita o traslado a Muras para visitar ademais da aldea das Aguias, a vila de Muras, a aldea do Burgo, Pena Goía no de Xermade, a escola habanera de Santaballa e tamén a vila de Vilalba da man de membros do Instituto de Estudos Chairegos.

A exposición de Muras permanecerá aberta ata o 27 de outubro de venres a domingo e de 10.00 a 20.00 horas. Para completar información se fose preciso poden chamar ao 699 96 30 95.

0.19397902488708