Merelles destaca o éxito do belén de Begonte dentro do programa Nadal en Galicia
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo en valor o tirón da programación Nadal en Galicia, que permitiu diversificar no mes de decembro o destino galego a través de 55 propostas en máis de 25 vilas e cidades galegas con citas ao redor desta temática, contribuíndo así a posicionar a Comunidade como destino de inverno. O director de Turismo de Galicia e o delegado territorial da Xunta na provincia lucense, Javier Arias, visitaron esta mañá o belén de Begonte, declarado de Interese Turístico de Galicia e que este ano celebra a súa 53 edición. O nacemento permanecerá aberto no Centro Cultural José Domínguez Guzmán ata o 1 de febreiro.
Trala visita, Xosé Merelles destacou que o belén de Begonte, que é visitado cada ano por unhas 40.000 persoas, xunto con outro tipo de manifestacións tradicionais vinculadas ás celebracións de Nadal tamén incluídas na programación difundida por Turismo de Galicia, suman atractivos á oferta turística da Comunidade.
O director de Turismo de Galicia tamén se referiu aos datos turísticos da provincia de Lugo e eloxiou o bo comportamento rexistrado de xaneiro a novembro de 2024. Segundo o INE en relación á ocupación nos aloxamentos da Comunidade galega, Lugo -con 1,5 millóns de noites- absorbe o 13% da demanda de aloxamento de Galicia, incrementando ademais, un 8,5% o volume de noites con respecto ao mesmo período de 2023.
“Son sen dúbida datos que avalan o interese turístico que está a espertar esta provincia no conxunto de viaxeiros que nos visitan cada ano e que sumaron case 7 millóns nos primeiros once meses de 2024”, salientou o director de Turismo de Galicia, destacando ademais a desestacionalización observada en meses coma febreiro (+3,8%), marzo (+26,4% por efecto Semana Santa), maio (+11,1%), setembro (+1,6%) e novembro (+12,2%).
O delegado territorial destacou o orgullo para a provincia de contar cun evento tan singular como é o Belén de Begonte, que combina tradición e innovación, e que “foi pasando de xeración en xeración converténdose nun referente do Nadal en Galicia”.
Ademais, eloxiou a inxente programación complementaria que xurde á par deste nacemento. Así, Javier Arias lembrou que “na sala de exposicións da Delegación Territorial pódese visitar ata o 13 de xaneiro unha mostra coas 14 obras que se presentaron ao XXXV Certame Galego de Arte José Domínguez Guizán, organizado no marco da convocatoria O Nadal en Begonte”.