Miguel Barrera foi elixido pregoeiro das Festas de San Ramón e Santa María
A concelleira de cultura, Tamara Rodríguez, vén de anunciar a Miguel Barrera como pregoeiro das Festas de San Ramón e Santa María 2024.
Xosé Miguel Barrera Vázquez naceu en Vilalba no ano 1964 e, actualmente, reside en Torrelaguna (Madrid). Comezou a publicar os seus versos en 1985 no xornal local A Voz de Vilalba e é autor dos libros de poesía Loita de silencio (1993), Na árbore do desespero (Derradeiros poemas de Cándida) (2002) e Poemas do tempo silenciado (2006).
Forma parte do denominado Grupo Bilbao de poetas galegos afincados en Madrid e é membro da directiva de Amigos de Prisciliano, movemento cultural fundado en París polo escritor Ramón Chao. É ademais fundador e foi vicepresidente da Asociación Letras da Serra Norte de Madrid. Tamén integrou o grupo de guionistas do proxecto cinematográfico Unha tea en branco.
Barrera foi o gañador en 2019 do XLV Certame Literario do Concello de Vilalba polo seu poemario presentado co título Poema da rúa das aves.