Milesios estrea a seu novo traballo na casa museo de Manuel María

LugoXa | TerraChaXa
'Cartografías' é o terceiro disco deste grupo de folk vencellado a Lugo e á Terra Chá
milesios-grupo-musica
O grupo de música Milesios
5 Xuño 2024

A Casa-Museo Manuel María acolle, este sábado, 8 de xuño, ás 20 horas, a estrea do novo traballo discográfico de Milesios, Cartografías. Este é o terceiro disco do grupo de folk vencellado a Lugo e á Terra Chá (os anteriores foron Alén mar (2013) e Indoevindo (2017)), cuxo lanzamento foi o pasado 17 de maio, día das Letras Galegas.

Cartografías é unha nova viaxe de Milesios, alargando novos horizontes e percorrendo territorios cos que compor unhas cartografías musicais que evocan lugares de Italia, Bretaña, Irlanda e Galiza. Melodías tradicionais arranxadas polo propio grupo e tamén algunhas composicións propias.

Un traballo que está a dispoñibilidade do público en todas as plataformas para poder ser descargadas as pezas ou o CD completo. Alén diso, pode solicitarse fisicamente na propia web do grupo (www.milesios.gal), podendo así contemplar un libreto deseñado polo premiado fotógrafo Daniel Díaz Trigo .

Milesios é un grupo fundado en 2009, cunha rica traxectoria percorrendo numerosos festivais e locais do noso país e partillando escenarios con referentes da música folk e tradicional, que está conformado por Maite Veiga (voz e baixo), Marta Portela (voz, pandeireta e outras percusións), Manuel María Veiga (bouzouki, mandolina, frautas, saxofón, zanfona, guitarra, baixo), Manuel do Moucheiro (guitarra), Noelia Fersán (gaitas e frautas), Paula Veiga (violino) e Senén Montero (acordeón, tamboril, batería bodhrán e outras percusións).

Para asistir á estrea do traballo é necesario facer reserva (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

0.14098811149597