Misa na honra do erudito begontino Sergio Rábade

TerraChaXa
O mércores 18, ás 18,30 h.
18 Abr 2018

O mércores 18, ás 18,30 h., na igrexa lucense de San Froilán (Praza de Ferrol de Lugo), celebrarase unha misa en memoria do begontino Sergio Rábade Romeo, promovida polos seus alumnos lucenses, profesores de filosofía, que gardan memoria garimosa deste grande mestre, símbolo dos estudos de filosofía en España na segunda metade do século XX.

Sergio Rábade Romeo finou o 26 do pasado mes de marzo, en Madrid. Nacera en Saavedra (Begonte) en 1925. Era doutor en Filosofía e Catedrático Emérito de Teoría do Coñecemento na Complutense de Madrid. Tamén, entre outras tarefas, fora director do Instituto Luis Vives, decano de Filosofía e Ciencias da Educación e vicerreitor (en varios períodos) da Universidade Complutense, foi primeiro reitor da Universidade San Pablo e presidente da Sociedad Española de Filosofía.

Asemade, entre outras distincións, foi distinguido coa Medalla Castelao e o Concello de Begonte tíñao declarado Fillo Predilecto.

Os alumnos de Don Sergio queren lembrar agora a súa memoria, aínda que a familia do profesor falecido ten previsto vir, o próximo verán, a Saavedra (Begonte) para depositar as cinzas de Rábade Romeo no panteón da familia na parroquia natal. Con tal motivo celebrarase un acto na súa memoria, no que participará a familia, os amigos lucenses, e o Concello de Begonte.

Os citados ex-alumnos convidan a quen o desexar, a asistir a esta xuntanza que se anuncia, agradecendo de antemán a súa asistencia.

0.21999311447144