Modesto Renda, concelleiro de Vilalba Aberta: “Non haberá cambio sen unha veciñanza consciente e esixente”
Modesto Renda é o novo concelleiro de Vilalba Aberta. É profesor de música e afirma que o seu obxectivo é transformar o concello dende a riqueza das ideas de todas as persoas que se unen e participan nas súas asambleas.
-Que valoración fai destes primeiros tempos de Vilalba Aberta?
A nosa irrupción en 2015 sorprendeu a moita xente, máis se cabe tendo en conta que nos encamiñamos a competir nunhas municipais con pouco máis de dous meses de vida. Neste senso, e aínda que convidaba á esperanza, é de xustiza recoñecer que a algúns na asemblea o resultado sóubonos a pouco. Os cidadáns puxérannos na senda, pero cun oito por cento dos votos non se goberna, e nós nacemos para gobernar. Dende entón traballamos día a día co fin de proxectármonos en tanto que alternativa, mais sen esquecernos nunca de quen somos: a veciñanza que sen ter unha intencionalidade previa, se viu facendo política pola falta de respostas, pola emerxencia social existente e pola ausencia de honestidade dos que dicían representala.
Con isto, a valoración é máis ca positiva e os partidos do caciquismo no Concello e a deputación semellan por momentos e por feitos, estaren xa en retirada. Agora toca perseguir esa retirada con traballo, seriedade e a pedagoxía suficiente para que toda esa veciñanza que esta farta do clientelismo, do “ti máis” e mesmo poida estar farta de certas dinámicas da oposición, entenda que implicarse en política é fundamental porque se non a fas ti fancha outros, e cando cha fan outros róubanche a democracia, o Concello e a carteira.
-Como foi a entrada no Concello?
Sempre que emerxe unha forza de cambio chamada a rachar e/ou desbaratar os equilibrios anteriores, existe unha dúbida e unha tentación latente nos que tradicionalmente se arrogaban a representatividade dos veciños/as: a de pecharse totalmente ou a de integrar unha parte das reivindicacións dos que os desafían. Unha dúbida e unha tentación, exclusivas non só das forzas no goberno, senón tamén das que se cren co monopolio da oposición. No caso destas últimas o pensamento e tal que así: intégroas, pois non teño que responder da acción de goberno, e de pasada quítolle aos “intrusos” a iniciativa política da hipótese do cambio. No caso das primeiras: fago miñas tres ou catro reivindicacións de por si obvias, e de pasada simulo conducir o tránsito cara unha nova etapa no Concello. Nada resume mellor o que nos atopamos no día a día que seguiu á nosa entrada na corporación.
O seu problema? O dos primeiros, que gobernan a provincia e algún que outro Concello da contorna e que o conxunto dos vilalbeses/as teñen ollos para velo. O dos segundos, que para que as promesas de recuperación calen, o relato ten que verse acompañado dunha mellora nas condicións de vida dos veciños/as. É por isto, que logo de dous anos de Vilalba Aberta nas institucións, soamente lles resta a bala de que todo cambio é terrorífico e a de que hai que terlle medo ao cambio (sempre e cando ese cambio non este encabezado polos de sempre, faltaría máis...)
Os e as que o único xeito que temos de saír adiante é traballando, estudando ou intentado sacar a diante unha pequena empresa, ímolos botar.
-Cumpríronse os obxectivos cos que se creou?
O noso obxectivo primixenio foi o de situar o protagonismo veciñal no centro do debate político, en contraposición a outras fórmulas onde todo se decide a porta pechada nas diferentes sedes ou acatando o ordeno mando dun despacho de Santiago. Neste senso, e dende a máxima humildade, estamos orgullosos de implicar a unha veciñanza tan diversa, poñendo a Vilalba por diante das siglas e dos egos e atraendo día a día a un número non menor de vilalbeses/as, con amplitude de miras, valentía e moita xenerosidade. Mais para responder leal a esta pregunta, coido, debemos agardar ás municipais do 19. Un reto difícil e ilusionante, o de transformar as institucións en beneficio dos veciños/as. Esa é a nosa tarefa inaprazable.
-Cales son os principais proxectos para este novo ano?
2018 é o inicio da carreira cara ás Eleccións Municipais, entendendo que iso non o podemos facer sos e que Vilalba Aberta é un instrumento que naceu para gañar, pero que ten que atoparse con actores da sociedade civil e seguir traballando nun tipo de relación e de accesibilidade coa xente moi especial na comparación con todo o anteriormente visto. Temos que entender que debemos actuar coma unha ferramenta de moita xente e proxectarnos non só coma os voceiro municipais das veciñas/os que en 2015 confiaron na nosa alternativa política, senón coma os voceiros municipais de toda aquela xente que, coma nós, está a pedir un cambio. Isto tamén implica un exercicio de madurez e, coido, o mellor que podemos facer nós é continuar a abrir as portas. Abrir as portas e que entren.
Aprendermos moito na relación cos medios, no ata onde podemos chegar e sobor das nosas mesmas limitacións e o qué facer para superalas. Acércase xa o momento para o que nacemos e as nosas capacidades de exito pasan por integrarmos non só á aqueles que pensan coma nós, senón tamén a todos os que neste intre aínda non o fan, coa única ambición de sermos unha ferramenta útil no camiño cara a recuperación do noso Concello.
-Cales son as necesidades máis importantes para Vilalba?
Nos últimos anos o conxunto do Concello está a sufrir unha importante perda de poboación, así como un alarmante deterioro no nivel de vida debido, entre outros factores, á regresión do sector primario que, ao igual que no conxunto da comarca constitúe un factor determinante na nosa economía local. Unha tendencia imposible de reverter sen un goberno municipal que potencie o modelo dos mercados de produtores fronte ao actual modelo de intermediarios e promova a produción e consumo de produtos naturais ecolóxicos así coma a agricultura ecolóxica e de proximidade. A agricultura ecolóxica como saída para o sector? Por suposto, e a receita, cremos, non é outra que a de investirmos en formación, recuperación de variedades, canles curtas de comercialización e a de explorar todo tipo de accións que faciliten a explotación sostible da nosa terra.
En segundo lugar sitúanse as urxencias do noso sector terciario (alimentación, hostalería e comercio en xeral) e que ten grande importancia no noso casco urbano, pois este actúa de centro de servizos para o resto do concello e o conxunto da comarca. Un sector que é vítima da propia devastación do primario e do escaso fomento por parte do consistorio do pequeno comercio local como forma de manter a cohesión social especialmente nas nosas zonas urbanas, fronte ás grandes superficies comerciais; así coma da nula promoción do turismo sostible tomando en consideración as nosas condicións como vila, co fin de planificar unha estratexia que aglutine os recursos locais, ecolóxicos, culturais, monumentais, artísticos ou gastronómicos, e que este aberto aos espazos territoriais comarcais máis próximos, ou o fomento de iniciativas culturais que impulsen o desenvolvemento e o coñecemento do noso patrimonio cultural, arquitectónico e ambiental como elemento xerador de emprego e riqueza.
O apoio decidido aos traballadores e traballadoras autónomos, así coma a recuperación daqueles sectores económicos en risco de desaparición ou que se extinguiron como actividade produtiva, constitúen tamén unha aposta económica viable no noso concello, dando sempre prioridade como non podía ser doutro xeito a uns sectores primario e manufactureiro tan maltratados por este goberno municipal. Un goberno que no lugar de apostar polo sector público favorece a externalización e privatización dos servizos, desbotando a posibilidade dunha contratación directa con criterios de transparencia e igualdade e a representación social nas mesas de contratación.
Nesta liña, a transversalización incluíndo a perspectiva de xénero en todas as determinacións que se adopten, acadaría unha importancia capital nun contexto de crise económica cuxas consecuencias negativas acostuman a recaer especialmente nas mulleres.
-Do realizado ata o de agora, que lle aporta máis satisfacción?
A diferenza das restantes forzas políticas, Vilalba Aberta nunca se presentou diante da veciñanza co obxectivo de lle dicir o que esta desexaba oír. Algúns contan máis de 30 anos de proxecto político poñendo por bandeira o “vótame a min e solucionarase todo”. Nós dicimos que iso é mentirlle aos vilalbeses/as, do mesmo xeito que o socorrido “quitar ao PP para que me poña eu” e que tan “ben” sabemos ben como resulta.
Vilalba Aberta veu para dicir con amabilidade, pero tamén con rigor, que hai unha parte importante da que somos responsables, porque nos enganaron aqueles que nos convenceron de que a política era para os “políticos” e que o mellor que podíamos facer en tanto que cidadanía era delegar. É por isto que apelamos á participación e á fiscalización constante e ambicionamos gobernar obedecendo. Porque non haberá cambio para o noso Concello sen unha veciñanza consciente e esixente e porque a participación cidadá representa o único camiño sobre o cal avanzar cara o noso obxectivo prioritario de mudar o clientelismo político por un modelo de coxestión pública, que implique a superación do modelo xerarquizado de intervención nos asuntos públicos, xerando as canles para que a cidadanía viva o seu espazo como un espazo de compromiso e solidariedade e que nos leve irremediablemente cara un modelo de primacía do público, eliminando todas aquelas intervencións e xestións que están en mans privadas.
-Viu cumpridas algunha das 100 medidas do seu plan de Goberno?
No noso programa de 2015 “100 medidas para un proxecto de Concello” estableciamos unhas prioridades ben concretas a acometer no inmediato e medio prazo. Falabamos de orzamentos participativos e de referendos vinculantes, do rescate das primeiras concesións e de desenvolvemento local sostible, así coma da impostergable tarefa do PXOM. Tamén do compromiso co noso rural, continuamente esquecido fóra dos períodos electorais, mediante a implicación do concello na elaboración de programas de desenvolvemento e diversificación rural para impulsar a agroindustria, ademais da creación de Consellos Sectoriais, así coma da promoción dunha cultura formadora que ademais de potenciar o autocoñecemento puxera en valor a nosa lingua. Lamentablemente ningunha delas foi susceptible de se ver incluída na folla de ruta do Goberno Municipal.
-Cal é o sector que necesita máis atención pola administración?
O emprego no sector agrícola continúa a baixar e, en xeral, os prezos agrarios experimentaron grandes caídas, tendo os noso produtores e produtoras que vender por debaixo dos custos reais de produción. Do mesmo xeito a calidade dos servizos públicos de proximidade ao rural (atención as explotacións, ensino, sanidade, transporte, atención ás persoas maiores, etcétera), atópanse nunha situación de franca regresión e deterioro ano a ano e que retrata a negativa do Partido Popular, tanto a nivel municipal coma na Xunta, a dirixir un proceso de defensa do sector primario, cun apoio ás explotacións pequenas que sirvan para artellar social e territorialmente a comarca. Á privatización dos Servizos de extensión agraria e de control da sanidade animal, súmanse aos atrancos para desenvolver unha política forestal congruente coa conservación e posta en valor do noso monte.
As consecuencias veñen da man dun dramático abandono do noso rural nas últimas tres décadas e que causa graves problemas sociais, económicos e ambientais para unha Vilalba que agoniza entre a vergoña do despoboamento e a parálise dunha rede caciquil pouco interesada en revertelo.