Modesto Renda reclama á Xunta axudas para a mellora de vías en Vilalba

TerraChaXa
Vilalba Aberta defenderá no Pleno que “o Concello con máis quilómetros de pistas de Galicia non volva quedar excluído"
mocion-modesto-renda
30 Out 2024

Vilalba Aberta volve saír na defensa dos intereses do rural. O portavoz da formación e actual tenente de alcalde do Concello de Vilalba, Modesto Renda, rexistrou unha iniciativa dirixida á Xunta de Galicia, a fin de que a administración autonómica non volva excluír ao Concello de Vilalba das axudas para rehabilitación de camiños en zonas de concentración parcelaria.

Tal e como explicou Renda, a norma referíase á mellora de camiños municipais de zonas finalizadas, a través dunha iniciativa cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao amparo do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.

Tratábase, en definitiva, da primeira convocatoria destas características e, como tal, contou cun orzamento en suma de 6 millóns de euros, sendo o financiamento destas achegas nun 75% procedente do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural; nun 17,5% procedente da propia Xunta de Galicia e o 7,5% restante asumido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

A contía da subvención para percibir foi de ata un máximo de 200.000 euros e un 100% dos gastos subvencionables; pero, tal e como denunciou Renda, estas tramitáronse en “réxime de concesión directa” e o Concello de Galicia con “máis quilómetros de vías e camiños de titularidade municipal e tres das súas máis extensas parroquias coa Concentración Parcelaria rematada dende hai anos, ficou inxustamente excluído”, concluíu.

COMPARATIVA COS CONCELLOS DA CONTORNA

Na súa argumentación no Pleno, Modesto Renda porá enriba da mesa unha a unha as cantidades que a Xunta inxectou nos Concellos da contorna todos eles – explicou- cunha rede viaria moito menos extensa que a do Concello de Vilalba.

“Se botamos a vista á Terra Chá, atopámonos en primeiro lugar co Concello de Cospeito, cunha soa parroquia coa concentración parcelaria rematada, e 132.050,96€ de axuda directa”, detallou. Así, proseguiu con Castro de Rei (188.320,13€); Pol: (162.875,36€); Friol (130.806,99€) e a Pastoriza (200.000 euros) de axudas directas.

O tenente de alcalde tamén mencionou especificamente algúns dos Concellos da Mariña, cuxo peso do casco urbano é moi superior ao da súa zona rural.

Así trouxo citou os 138.582,03 euros de axudas ao Concello de Foz; os 163.804,22 que chegaron a Ribadeo ou Barreiros, beneficiario dunha axuda de 143.253,10.

“Vilalba Aberta non ten, por suposto, nada en contra de que todos e cada un dos Concellos incluídos na pasada anualidade se viran beneficiados destas tan necesarias axudas. Vaia iso por diante. Pero entendemos que un Concello como Vilalba que, de proxectar en liña recta as vías e camiños da súa competencia chegaría á mesma cidade Granada e que, ademais, conta con procesos de concentración e reestruturación parcelaria plenamente rematados dende hai máis de 20 anos nas parroquias de Santaballa, Vilapedre e San Lourenzo de Árbol, non pode quedar fora nunha eventual segunda convocatoria”, declarou.

É por isto, que defenderá no Pleno a “solicitude unánime de todos os grupos con representación municipal” á Xunta para a inclusión, na vindeira anualidade 2025, dos Concellos que quedaron fora na Convocatoria das axudas para a rehabilitación de camiños en zonas de concentración ou reestruturación parcelaria 2023-2024.

Así mesmo, a iniciativa solicitará da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural que se teña en conta no marco dos diferentes criterios de concesión o contexto dos quilómetros totais de rede viaria de titularidade municipal.

0.17852306365967