Modifican a estrutura dos campamentos de verán de Vilalba para axudar na conciliación
Haberá dúas quendas de catro semanas, do 4 ao 29 de xullo e do 1 ao 26 de agosto, con 40 prazas en cada unha. Os campamentos son para nenos e nenas de 5 a 12 anos, que poden inscribirse nas dúas quendas.
O Concello de Vilalba presentou esta mañá unha nova edición dos seus Campamentos de Verán, este ano con quendas máis longas para facilitar a conciliación de vida familiar e laboral. Haberá tamén as Vilaescolas de Verán, que se anunciarán en breve.
Os campamentos son para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 5 os 12 anos (ambos inclusive) cumpridos a 31 de decembro, é dicir, un menor que cumpra os 5 anos no 2022 pode asistir.
“Sabemos o importante que é para as familias poder conciliar na época estival, así que este ano ademáis de poder ofertar máis prazas debido á boa evolución da Covid, as quendas serán máis longas e extenderanse do 4 de xullo o 26 de agosto”, explicou esta mañá Antía Rama, concelleira de Infancia e Xuventude, que presentou os campamentos en rolda de prensa xunto a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro.
“É fundamental promover as actividades lúdicas, culturais e deportivas nos meses de xullo e agosto para os máis pequenos, facilitando que os seus pais e nais poidan compatibilizar a vida laboral e familiar”, apuntou pola súa parte Elba Veleiro.
Este ano tamén se ampliará o horario, que será de 09:00 a 14:00 horas. As familias deberán sinalar unha das quendas como preferentes e, de quedar prazas libres na segunda opción, poder tamén acceder a ela.
Cada quenda terá un máximo de 40 prazas e a inscrición estará aberta dende hoxe mesmo, 24 de maio, ata o 2 de xuño. As inscricións poden facerse a través da sede electrónica do concello (na páxina web vilalba.gal no apartado sede electrónica, trámites destacados); a través da App Sporttia.com (con dúas T), enviando a documentación requerida unha vez feita a incrición por este medio a deportes@vilalba.es; ou presencialmente, no rexistro do Concello no primeiro andar.
O anexo e as bases onde se indica a documentación pódense ver ou descargar na propia páxina web do concello ‘vilalba.gal’. A cota de inscrición será de 90 euros por menor e quenda para os empadroados no concello de Vilalba, e de 180 euros por menor e quenda para os non empadroados.
Terán preferencia na inscrición as familias nas que os dous proxenitores traballen e os empadroados en Villana. Estarán exentas do pagamento da cota as persoas en risco de exclusión social previo informe dos servizos sociais do concello.
“Por outra banda, quero aproveitar para recordar as empresas que ata o día 2 de xuño está aberto o prazo no perfil do contratante para presentarse á licitación destes campamentos e tamén adiantarvos que, tras o éxito e acollida do pasado ano, este ano volverán as Vilaescolas de Verán”, rematou Rama.