Moito público na primeira sesión da Feira do Queixo de Vilalba

TerraChaXa
Hoxe continúa a celebración coa feira mensual e un baile no centro cultural
feira-do-queixo-vilalba
6 Apr 2025

Deu comezo en Vilalba a XXIX Festa do queixo San Simón da Costa e a IX Ruta BTT Terra Chá nunha xornada con moito público na que houbo oportunidade par adegustar o afumado nunha entretida cata comentada por Salomé Beiroa e Eduardo Balsa, de quen ademais probaron a saborosa tarta de queixo San Simón.

O obradoiro de cociña infantil e o pregón a cargo de Carlos Blanco gustaron moito e os visitantes percorreron os máis de 70 postos na Praza da Constitución, 30 deles queixeirías. Para pechar a xornada actuaron De Ninghures e Fillas de Cassandra, rematando coa actuación de Eventec_discomovil.

Hoxe continuará hoxe coincidindo coa feira mensual de Vilalba, que abrirá ás 10:00 e estará amenizada pola actuación musical da Banda de Gaitas de Mato Vizoso. Ademais, pola tarde, haberá baile con La Hora Bruja no centro cultural.

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou no pregón da XXIX Festa do Queixo San Simón da Costa. Alí, salientou a calidade dos queixos da Denominación de Orixe Protexida (DOP) San Simón da Costa, un dos catro selos cos que conta Galicia neste ámbito produtivo.

Gómez lembrou que esta DOP conta con 377 gandeiros e 9 queixerías inscritas que no pasado ano produciron máis de 560.000 quilogramos de queixo San Simón da Costa cun valor económico estimado superior aos 5,1 millóns de euros. De seguido, fixo referencia á “longa tradición na fabricación de queixos” da que “pode presumir” o concello de Vilalba e demais localidades da Terra Chá.

A conselleira destacou a “ampla variedade” da despensa galega que conta con ata 36 distintivos de calidade, o que sitúa a Galicia como unha das comunidades autónomas de España con máis denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. Todas estas certificacións acadan un valor económico estimado de preto de 700 millóns de euros.

Pola súa banda, o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón destacou que “Vilalba é exemplo de como un concello pode facer medrar unha festa sen perder a súa esencia”. Neste sentido, puxo en valor o esforzo da alcaldesa “por liderar un equipo que aposta pola calidade, pola cultura e por seguir ampliando horizontes. Este ano, a programación sobe o listón, con propostas que nos enchen de orgullo como Fillas de Cassandra ou De Ninghures”.

Ademais, un total de 275 ciclistas participaron na ruta BTT, que transcorreu polos concellos de Muras, Xermade e Vilalba con saída da propia feira. Esta é a novena edición dunha cita deportiva, que os afeccionados non se perden.

RUTA EUROPEA DO QUEIXO

A subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez, puxo en valor o “compromiso firme do Goberno co sector primario” e co futuro do rural galego este sábado no acto central da XXIX Festa do Queixo de San Simón da Costa. Rodríguez destacou que “o Goberno de España seguirá acompañando aos produtores e produtoras, impulsando a modernización e a sustentabilidade para que a nosa provincia continúe sendo terra de excelencia agroalimentaria e de oportunidades para as novas xeracións”.

Este ano a festa adquiriu unha dimensión especial coa incorporación de Vilalba á Ruta Europea do Queixo, unha rede internacional que conecta territorios con tradición queixeira de toda Europa. “É unha oportunidade magnífica para dar a coñecer a autenticidade do San Simón da Costa e atraer visitantes que queiran descubrir o sabor da nosa terra”, subliñou a subdelegada durante a súa intervención.

Rodríguez quixo tamén render homenaxe ás familias produtoras que, xeración tras xeración, converteron o San Simón da Costa nun dos queixos máis recoñecidos internacionalmente. “A historia deste queixo é a historia de pequenas explotacións que souberon combinar tradición e innovación para conquistar os mercados máis esixentes”, afirmou. A subdelegada felicitou especialmente á Asociación de Queixeiros, ao Consello Regulador e ao Concello de Vilalba pola súa implicación para manter viva esta tradición, así como aos máis de 30 produtores e produtoras participantes na feira deste ano.

“Apoiar o sector primario é apostar polo futuro da nosa terra”, concluíu Rodríguez, quen convidou a veciños e visitantes a seguir gozando da festa e a descubrir os sabores únicos que fan do San Simón da Costa un emblema da calidade e da identidade galega.

⚙ Configurar cookies
0.16611099243164